Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas abogarán no Pleno de Ribadeo por “construír unha sociedade segura e libre de violencia contra as mulleres”

A violencia de xénero non é un problema que afecte o ámbito privado. Ao contrario, maniféstase coma o símbolo mais brutal da desigualdade existente na nosa sociedade. Trátase dunha violencia que se dirixe sobre as mulleres polo feito mesmo de selo, por ser consideradas, polos seus agresores, carentes dos dereitos mínimos de liberdade, respecto e capacidade de decisión.

Con ese convencemento naceu a Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero. Unha lei recoñecida e mesmo premiada como unha das mellores leis de loita contra a violencia cara ás mulleres e que establece un sólido e completo marco legal para a prevención, protección, persecución e castigo da violencia por parte do compañeiro ou ex compañeiro sentimental.

A pesar diso, as mulleres seguen sufrindo violencia de xénero, e o número de asasinatos mantense en cifras arrepiantes. Nos últimos meses, a violencia de xénero segou a vida de mulleres e menores conmocionando a todo o país. A sociedade española padeceu un repunte de asasinatos machistas, convertendo o verán de 2015 nun período tráxico no que se rexistraron o maior número de asasinatos desde 2010.

Unha violencia ante a que non podemos nin queremos permanecer impasibles. Para o PSdeG – PSOE, a igualdade entre mulleres e homes é un principio fundamental. O recoñecemento que fai a Constitución de 1978 de España como un Estado social e democrático de Dereito que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político ten que traducirse na plena consideración das mulleres como suxeitos de dereitos de cidadanía. Con todo, a cidadanía das mulleres aínda non está consolidada e frecuentemente atópase en dúbida. Fronte a iso, é necesario reforzar e promover os mecanismos que a garantan e afasten do vaivén das conxunturas políticas.

Unha sociedade decente esixe avanzar cara a unha sociedade segura e libre de violencia de xénero, que garanta unha resposta efectiva ás mulleres que sofren violencia así como aos seus fillos e fillas xerando e ofrecendo os mecanismos necesarios para conseguilo.

A situación de violencia que sofren as mulleres esíxenos avanzar ata o cumprimento do convenio de Istambul, ratificado por España e que aborda de maneira integral a violencia contra as mulleres. Esíxenos avanzar ata un gran acordo por unha sociedade segura e libre de violencia contra as mulleres que implique a toda a sociedade e ós poderes públicos para loitar desde todos os ámbitos contra a Violencia de Xénero, que non escatime esforzos, medios e recursos.

Por todas estas razóns, o pleno do Concello de Ribadeo aproba a seguinte moción, na que insta ó Goberno a adoptar e promover un Acordo Social, Político e Institucional Contra a Violencia de Xénero para construír unha sociedade segura e libre de violencia contra as mulleres cos seguintes puntos:

1. Repor e dotar suficientemente as partidas orzamentarias, que se viñeron recortando nos últimos anos, especialmente os recursos destinados á prevención e á asistencia social das vítimas de violencia de xénero, dependentes tanto das Comunidades Autónomas, como dos servizos de proximidade dos concellos.

2. Nos orzamentos Xerais do Estado 2016, multiplicar por cinco a partida destinada á Delegación do Goberno para a violencia de xénero.

3. Creación da Unidade de Coordinación contra a Violencia de Xénero en cada Comunidade Autónoma.

4. Dotar dun fondo de apoio aos concellos para dar reforzo á rede de servizos públicos, impulsando o papel que desempeñan e deben seguir desempeñando os servizos sociais municipais e centros da Muller para o desenvolvemento e cumprimento da Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, a Lei 11/2007, do 27 de xullo galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e a Lei Orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia.

5. Poñer en marcha dous xulgados especializados en Violencia de Xénero comprometidos, así como o Acompañamento Xudicial Personalizado para facer accesible a información ás mulleres vítimas de violencia de xénero sobre o itinerario e procedemento mais seguro no seu percorrido xudicial dende o momento no que poñen a denuncia ata o final do proceso.

6. Establecemento de protocolos de intervención específicos para a atención integral ás mulleres que retiraron a denuncia por violencia de xénero.

7. Activar de forma permanente o Plan Nacional de Sensibilización e Prevención da Violencia de Xénero.

8. Incorporar ó currículo a formación específica en Igualdade, educación afectivo-sexual e de prevención da violencia de xénero en todas as etapas educativas.

9. Pór en marcha un Plan integral para previr, protexer e reparar o dano a menores vítimas de violencia de xénero.

10. Obrigatoriedade de que tanto os maxistrados á fronte do órgano xurisdicional especializado, coma os avogados, forenses e equipos psicosociais que interveñan nos xulgados especializados de violencia de xénero teñan certificado, previamente a ocupar o seu posto, formación específica na materia impartida por unha institución acreditada.

11. Ampliar as disposicións preventivas, procesuais, punitivas e protectoras da lei de 2004 para abarcar, coas adaptacións necesarias, todas as formas de violencia contra a muller, tal como esixe a Recomendación Xeral nº 19 da CEDAW e o Convenio do Consello de Europa sobre Prevención e Loita contra a Violencia contra a Muller e a Violencia Doméstica (Convenio de Istambul), que España ratificou.

9 setembro do 2015

Voceiro/a Grupo Municipal Socialista
D. Roberto Ramos Piñeiro

Exit mobile version