Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo solicitan que o Concello conecte, tras catro anos inutilizado, o alumeado da vía que une a Cerámica de Sargadelos co burgo das Casetas

Cervo, 14 de setembro de 2015.- O Grupo Municipal Socialista de Cervo vén de presentar este luns no Rexistro de Entrada do Concello unha solicitude na que piden que “sexa efectiva de maneira urxente a conexión do alumeado do vial que une a Cerámica de Sargadelos co burgo das Casetas”.

Os socialistas lembran que “esta foi unha obra que se levou adiante trala insistente demanda dos veciños grazas á inversión e esforzo da Deputación Provincial no ano 2011 e ante a pasividade do equipo de goberno que mantiña o Concello por aquel tempo. A instalación de 11 puntos de luz rematouse e a conexión do alumeado, competencia e responsabilidade do Concello, segue sen facerse catro anos despois do remate das obras”.

Ante esta situación, dende o GMS subliñan que “son moitos os veciños que seguen reclamando a posta en funcionamento destas instalacións que no seu día costaron o seu diñeiro e que non están dando os servizos que deberían dar pola inoperancia do goberno cervense ou mero capricho”.

Ademais da mala imaxe que se ofrece aos propios veciños da zona e aos visitantes que pasean por esta vía, “é unha cuestión de seguridade cidadá, non só para a mellora da visibilidade senón tamén para seguridade persoal cando se fai de noite ou se atravesa unha zona escura”.

Tras esta solicitude, os socialistas agardan unha pronta resposta e que “non pase outro ano máis vendo estas instalacións totalmente inutilizadas e abandonadas”.

Exit mobile version