Site icon Crónica3.com A Mariña

Os técnicos municipais de Viveiro reúnense para avaliar expedientes sobre a conservación de inmobles en relación coa salubridade, seguridade e ornato

A alcaldía de Viveiro convocaba unha nova reunión de traballo que se celebraba este xoves 3 de setembro e á que asistiron, ademais da propia alcaldesa, María Loureiro, os técnicos do Departamento de Urbanismo e da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Viveiro e mais a Secretaria Municipal. O obxectivo desta convocatoria era avaliar os procedementos de tramitación que se estaban a seguir nos casos de ordes de execución e valorar os expedientes incoados ao respecto nos últimos anos, establecendo os criterios a seguir nos requirimentos a propietarios para garantir a completa conservación dos inmobles en relación coa salubridade, seguridade e ornato.

Durante o desenvolvemento desta reunión, na que se trataron tamén os incidentes acontecidos nas últimas semanas en vivendas sobre as que recaía unha orde de execución, acordouse manter a liña de traballo desenvolta ata o de agora nas ordes de execución forzosa, adoptando a opción das multas coercitivas en todos os casos, excepto naqueles nos que o risco inminente para os bens e a saúde pública aconsellen a execución subsidiaria.

Así mesmo, acordouse iniciar os trámites para aprobar unha Ordenanza Reguladora de Inspección de Avaliación de Edificios do Concello de Viveiro que, con independencia do mantemento das medidas legalmente previstas que se veñen desenvolvendo, redundará positivamente no estado de conservación dos inmobles do municipio para evitar a progresiva degradación do patrimonio edificado ou deterioro urbanístico e social de determinadas áreas.

Acordouse, finalmente, valorar a posibilidade de crear un Corpo de Inspección Municipal que velaría pola seguridade dos espazos públicos.

Con todas estas medidas o Concello de Viveiro continúa dando cumprimento á súa obriga de velar pola protección do dominio público e, subsidiarimente, pola salubridade, seguridade e ornato dos inmobles do municipio, aínda que lembra que esta é unha obriga dos propietarios. Faise fincapé na preocupación desta alcaldía pola situación de moitos inmobles e fincas do municipio e quérese aclarar que a adopción da multa coercitiva nos expedientes de orde de execución forzosa fronte á execución subsidiaria, lonxe de perseguir un afán recadatorio, queda xustificada pola tramitación implícita que pode considerarse máis rápida e menos complexa.

Por último, a modo de resume, cómpre sinalar que o Concello de Viveiro incoou dende o ano 2007 ata agosto de 2015 un total de 587 expedientes de orde de execución, incluídos os de limpezas de fincas. O desglose por anos quedaría do seguinte xeito:
Ano Total
2007 25
2008 63
2009 68
2010 75
2011 56
2012 32
2013 87
2014 81
2015 87 (ata 31/08/2015)

Exit mobile version