Site icon Crónica3.com A Mariña

Prazas dispoñibles na Xornada de promoción do emprego xuvenil que impulsa AGACA en Ribadeo

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2015.- A xornada “Xuventude, medio rural e cooperativismo: Promoción do emprego cooperativo xuvenil no ámbito rural” promove as iniciativas de emprendemento levadas a cabo por mozos e mozas que desexen incorporarse ao mundo laboral seguindo o modelo de negocio cooperativo.

A iniciativa terá lugar o xoves 17 de setembro no Centro da Rede Eusumo Os Irmandiños (no lugar de A Rochela, en Devesa- Ribadeo).

O programa formativo —a cargo de David Vila e Carlos Ares, técnicos da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA)— incidirá na promoción do emprego cooperativo xuvenil no eido rural, na incorporación á actividade agrogandeira xa sexa a tempo completo ou parcial, ou nos distintos tipos de axudas e apoios públicos a mozos e mozas, encamiñados ao inicio de actividades profesionais.

Os Irmandiños (especializada en vacún, subministracións e servizos agrícolas) está aberta á incorporación de socios entre a xente nova do contorno, de xeito que, como parte da xornada, presentará os seus servizos de apoio á incorporación.

As xornadas rematarán cunha mesa redonda que presentará algúns casos de éxito de cooperativas iniciadas por persoas mozas no medio rural.

A Xornada enmárcase na Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, impulsada pola Consellería de Traballo e Benestar e con financiamento do Fondo Social Europeo.

Exit mobile version