Chamaba a atención semellante argumento, posto que, o programa electoral do Partido Popular do Vicedo é inexistente. Á veciñanza só se lle repartiu a famosa carta de Rajoy e Feijóo. Así sen máis. Nada de propostas para levar a cabo no Concello.
Agora ben, cabe destacar que logo de 14 anos á fronte do concello, o alcalde entrara na carreira das propostas, abrira os ollos e se dera de conta que sendo a maioría dos nosos veciños maiores de 65 anos -o 34% da poboación segundo o IGE- é necesario un centro de día que lles preste a este colectivo os coidados máis básicos.
Teño claro que o Bloque Nacionalista Galego do Vicedo está a demostrar que nos últimos comicios acadou a forza para non axeonllarse ante un goberno local inmóbil, e que impulsará iniciativas que favorezan a toda a veciñanza, obrigando ao goberno local a actuar. É por iso que, tal e como incluímos no programa, comezamos unha recollida de sinaturas no mes de xullo para presionar ao goberno local e que este iniciara os trámites necesarios para a creación dun centro de día.
Máis de 1.000 sinaturas despois, é unha ledicia para min, e para os meus compañeiros, que a nosa campaña, xa dea os seus froitos, e que a chegada de aire fresco a un concello anquilosado no pasado sirva para que as cousas muden, quedando claro que, sen as firmas e apoios das veciñas e veciños, falar disto a día de hoxe sería imposible. Sexa como fora, algo está cambiando no Vicedo.
Adrián Piñón Domínguez
Concelleiro e portavoz do BNG no Vicedo