Site icon Crónica3.com A Mariña

Rogos e preguntas de Son Viveiro para o pleno deste mércores

Viveiro, 1 de setembro de 2015.- SON VIVEIRO ven de presentar no rexistro este martes, para o seu debate no pleno deste mércores, unha moción sobre a declaración do Concello de Viveiro como un municipio oposto ao Tratado Transatlántico de Comercio e Inversións (coñecido polas suas siglas en inglés TTIP), defendendo os servizos públicos básicos para a solidariedade e redistribución social, o medio ambiente e a saúde. Tamén propón que o Concello solicite ao Parlamento español e aos eurodeputados electos o seu rexeitamento á aprobación, e ao Ministerio de Economía a suspensión das negociacións do mesmo.

O grupo muncipal tamén presentou varios rogos e preguntas ao grupo de goberno. O primeiro deles é a solicitude dun informe detallado das placas identificativas de VAO existentes no concello, para posteriormente constatar, coa recadación anual dos mesmos, cales están sendo empregados de maneira fraudulenta, empregando a placa sen estar ao corrente do pago da taxa. En relación co tema dos aparcadoiros, tamén solicita un control mais exhausitvo das prazas de carga e descarga e mais dos aparcamentos para minusválidos, que son empregados como zonas de aparcamento privados.

Outra das preguntas presentadas está relacionada ca implicación e relación das Comunidades de Montes nas obras comunitarias, xa que é o Concello quen está facendo fronte ao mantemento de servizos e obras que antes eran compartidas.

E por último, e co gallo da celebración, no próximo ano 2016, do Ano das Irmandades da Fala e tendo en Viveiro dous insignes veciños fundadores da mesma, Ramón e Antón Vilar Ponte, SON VIVEIRO pregunta se se fixeron xestións para que Viveiro estea representado e participe directamente das actividades a realizar durante o ano do centenario. Tamén solicita información sobre a planificación, se existe, tendente a articular un programa de actividades en consonancia ca importancia da eféride para Viveiro, A Mariña e Galicia enteira.

Estas propostas de debate, únense ás preguntas presentadas a semana pasada sobre o mal estado que se atopa a rúa Alonso Pérez, tanto a nivel de alumeado, o perigo que supón para os vehículos da rexa situada fronte a capela, o mal estado do firme e das continuas roturas na rede da traída de augas. Tamen fai consulta sobre o perigo que entraña a recollida dos alumnos no colexio de Galdo, debido ao estacionamento dos autobuses na estrada, sen sinalización e obstruíndo totalmente un carril, nunha zona sen ningunha visibilidade, poñendo en perigo tanto aos alumnos coma o tráfico en xeral.

Exit mobile version