Site icon Crónica3.com A Mariña

Satisfacción polas obras no CEIP de Cervo

colexio-cervoCervo, 25 de setembro de 2015. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Educación, Dolores García, supervisaron este venres as melloras realizadas polo Concello no CEIP de Cervo e amosáronse satisfeitos co resultado das obras que acaban de rematar. Na visita estiveron acompañados polo director do centro, Manuel Martínez, e por dúas representantes da asociación de nais e pais (Anpa), María Isabel Seijo e María José Iglesias.

A concelleira de Educación explicou que “as actuacións realizadas e sufragadas totalmente polo Concello no colexio de Cervo foran solicitadas polo centro e pola Anpa. Estamos satisfeitos co resultado e consideramos que é unha boa actuación que serve para mellorar a educación, que é algo polo que se aposta dende o goberno municipal”.

As obras consistiron, por unha parte, na eliminación de barreiras arquitectónicas coa construción de dúas ramplas: unha no acceso á entrada principal do colexio e outra no pavillón. Tamén se instalou unha porta para acceder dende o pavillón ao parque infantil.

Ademais foi renovado o pavimento do acceso principal ao centro e as instalacións de saneamento de augas pluviais, creouse unha zona de acceso rodado á parte posterior do edificio, melloráronse as zonas axardinadas que hai no recinto do colexio e tamén se fixeron reparacións no parque infantil.

Exit mobile version