Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo denuncia o PSOE, Candia négase a pedir a Feijóo e Rajoy as medidas concretas en defensa do sector lácteo que reclaman os gandeiros

Lugo, 4 de setembro de 2015.- Candia négase a pedir a Feijóo e Rajoy as medidas concretas en defensa do sector lácteo que reclaman os gandeiros, pois este venres non quixo asinar a declaración institucional que recolle textualmente as 10 medidas concretas que está a reclamar a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo e que lle propuxo o Grupo Provincial Socialista.

O Deputado do PSOE, Álvaro Santos Ramos, subliñou que “hoxe Candia tiña dúas oportunidades de demostrar que está cos gandeiros da provincia: 1.- aprobando a declaración institucional en defensa do sector lácteo coas medidas concretas que os gandeiros reclaman á Xunta de Galicia e ao Goberno Central. Oportunidade desaproveitada. A Presidenta negouse a pedir isto a Feijóo e a Rajoy, e propuxo medidas xenéricas que non son as que están a esixir os gandeiros. 2.- explicando o motivo e os asuntos tratados na reunión que na noite do mércores, horas antes da tractorada na cidade de Lugo, mantivo con Rosa Quintana, Ramón Carballo e Jesús Lence nun establecemento hostaleiro da propia capitalidade. Tampouco o fixo, cando os gandeiros agardan na cidade a que a Conselleira os reciba e son os principal interesados e afectados polos temas abordados nesta reunión. “Candia posiciónase claramente a favor dos intereses do Partido Popular e da industria, e dá as costas aos gandeiros”.

Santos Ramos criticou o feito de que tanto Candia como Quintana tivesen tempo para manter un encontro na cidade de Lugo cun dos principais representantes da industria láctea en Galicia horas antes da tractorada na capital, concretamente na noite do mércores, e non así para sumarse o xoves á protesta e atender aos gandeiros, que seguen á espera de seren recibidos pola Conselleira dende onte. Tamén criticou que Candia non estivese en ningunha das protestas que ao longo do verán organizou a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo por toda a provincia (Chantada, Sarria, Vilalba ou Lugo) e na que participaron miles de gandeiros. “Todo isto, cando Candia integrou á Deputación na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo dentro da súa política populista e demostrando un auténtico cinismo”.

Así o remarcou Santos Ramos tras a reunión da xunta de voceiros na que foi imposible aprobar a declaración institucional pola negativa de Candia e os seus compañeiros do PP. “No Pleno de xullo, presentamos unha moción en defensa do sector lácteo que recollía as reivindicacións da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo que xa non contou co apoio do Partido Popular. Dende entón, a situación cambiou e foi a peor. Nin Xunta de Galicia nin Goberno Central ofreceron solución algunha aos gandeiros mentres si o fixo o Goberno de Francia, e as protestas dos gandeiros foron a máis. Por este motivo, presentamos esta declaración institucional, recollendo a totalidade de esixencias dos gandeiros. Pero tampouco nesta ocasión conseguimos sumar ao PP”, lamentou o tamén vicevoceiro do PSOE.

Medias rexeitadas por Candia
As 10 medidas que gandeiros e sindicatos esixen á Feijóo e Rajoy , que recolle a declaración institucional proposta polo PSOE e que rexeitou Candia son as seguintes:

1.- O Goberno central debe chegar a un acordo de prezos mínimos da leite en orixe análogo ao Goberno Francés e, en caso de que a normativa vixente o impida, promover as modificacións lexislativas necesarias para acadalo, de xeito que o prezo mínimo garanta a cobertura dos prezos de producción referenciados a parámetros obxectivos.

2.- A Xunta de Galicia, como primeira Comunidade Autónoma produtora de leite en España, debe dar prioridade absoluta á situación do sector lácteo e liderar as xestións ante o Goberno Central para poñer fin á crise dun sector vital para Galicia e garantir o futuro do mesmo.

3.- A Xunta de Galicia debe habilitar os instrumentos legislativos e operativos para garantir a recollida de leite nas explotacións galegas a un prezo que garanta a viabilidade das mesmas.

4.- Xunta de Galicia e Goberno Central deben ejecutar un plan específico para a valoración real e colocación de excedentes da industria láctea a través de medidas como as compras públicas de intervención deses excedentes, almacenamento privado e entrega a terceiros países.

5.- Xunta de Galicia e Goberno Central teñen que facer as xestións necesarias para por na axenda europea de inmediato o problema do sector lácteo galego co impulso de medidas concretas que adapten a regulación do mercado europeo á realidade do sector produtivo galego e estatal.

6.- A Xunta de Galicia debe por en marcha unha campaña de estímulo do consumo de leite e derivados de procedencia galega a través de campañas de concienciación en diversos eidos públicos e privados.

7.- A Xunta de Galicia e o Goberno Central deben impulsar e garantir a actuación eficaz da Comisión de Competencia, para que execute de maneira inmediata e contundente as inspeccións e sancións contra as comercializadoras que utilizan o leite como un produto reclamo.

8.- Xunta de Galicia e Goberno Central han de habilitar de xeito inmediato unha Comisión de Valoración de contratos vixentes con capacidade resolutiva para anulalos se as condicións para o gandeiro non respetan parámetros de viabilidade, garantía de duración e recollida de leite.

9.- É fundamental que a Xunta de Galicia, de acordo co Goberno Central, desenvolvan de xeito inmediato, un plan galego de implantación de industria transformadora de derivados lácteos en Galicia que impulse a produción de produtos tradicionais que permita diversificar a producción das propias explotacións e tamén promova o asentamento de industrias transformadora de derivados lácteos de consumo masivo, vinculado a un plan de incremento das exportacións e penetración en mercados emerxentes.

10.- A Xunta de Galicia debe impulsar a figura das cooperativas como axentes aglutinadores de produtores, e facer as xestións necesarias para habilitar os instrumentos precisos para que as propias cooperativas teñan capacidade de negociación efectiva coa industria, sobre a comercialización de produción dos gandeiros asociados.

Exit mobile version