Esta iniciativa está organizada polo Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), promovida pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) Lídia Senra, o eurodeputado de EH Bildu Josu Juaristi e a eurodeputada do partido finlandés Vasemmistoliitto (Left Alliance), Merja Kyllönen, contando na súa apertura (15.00hrs.) ca intervención da presidenta do GUE/NGL, a alemá Gaby Zimmer, do partido Die Linke.
A xornada principal -mércores 2- desenvolverase a través de dúas mesas de debate. A primeira delas, centrada na análise da situación do sector produtor e mercado lácteo na Unión Europea (de 15.15 a 16.00hrs.), contará ca participación da Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG) e produtora de leite, Isabel Vilalba, en representación da Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC); o produtor de leite e membro do colectivo de agricultura agroecolóxica de Euskal Herria EHKOlektibo, Mikel Azkarate; o produtor alemán Romuald Schaber, presidente do European Milk Board (EMB) e Nicolas Bezençon, da organización suíza Uniterre (CEVC).
A segunda mesa abordará a situación do sector leiteiro a nivel global (de 17.00 a 18.30hrs.). Será desenvolvida pola canadense Diane Dowling, presidenta da National Farmers Union (NFU) Local 316; o presidente da Federación Nacional Sindical Unitaria Agropecuaria (FENSUAGRO) de Colombia, Néstor Alfredo Díaz, e o experto independente en políticas agrarias Gérard Choplin.
Nestes encontros participarán tamén representantes do sector leiteiro convidados/as por varias delegacións do GUE/NGL.
O xoves 3 establecerase un espazo de debate e encontro (de 09.00 a 11.00hrs.) a fin de realizar unha posta en común das análises e conclusións acadadas, co obxectivo de identificar vías de articulación a través das cales acadar as demandas esixidas polo sector produtor, nomeadamente a fixación de políticas públicas que regulen os mercados e garantan un prezo mínimo polo leite que cubra custos de produción e remunere o traballo das gandeiras e gandeiros.
Xornada na Galiza
Este seminario terá continuación na Galiza a través dun encontro aberto na Casa Común de Oza – Ribas (Teo) o venres 4 de setembro (de 11.00 a 18.30hrs.).
Nesta xornada participarán a representante da canadense National Farmers Union (NFU), Diane Dowling, e o representante do sindicato colombiano FENSUAGRO, Néstor Alfredo Díaz.