Viveiro, 18 de setembro de 2015.- SON VIVEIRO presentará para ser tratada no próximo Pleno municipal unha Moción, acompañada dun documento base, coa que impulsar a elaboración dun Regulamento de Participación Veciñal que debería estar aprobado e posto en funcionamento hai anos, como ocorre en gran parte dos municipios de Galicia.
Desde o ano 1997, a Comunidade Autónoma de Galicia, por medio da Lei de Administración Local de Galicia e da Lei Reguladora de Bases de Réxime Local, establece que os concellos deben promover e desenvolver unha normativa que regule a participación cidadá.
Un dos eixos da política municipal debe ser camiñar cara a unha auténtica democracia na que a veciñanza participe con total transparencia na xestión do público, facendo do Concello unha institución que sirva de lugar de encontro para que as persoas poidan expresar de maneira directa a súa problemática, manifestan desde a coalición viveirense.
Entre as moitas propostas avanzadas no borrador, figura a de que tanto veciñas e veciños de Viveiro a título individual como Asociacións debidamente rexistradas no Concello -sexan estas veciñais, deportivas, culturais, xuvenís, de mulleres, sindicais, profesionais, medio ambientais ou de calquera outra índole- poidan defender as súas propostas e inquedanzas de forma directa no Pleno logo da preceptiva solicitude e aprobación da Corporación Municipal.
O documento base tamén contempla a posibilidade de convocatoria dunha iniciativa popular sempre que o solicite un 10% dos veciños e veciñas censados no concello de Viveiro.
Con esta Moción, SON VIVEIRO cumpre cos distintos colectivos a promesa electoral de levar adiante esta proposta e agarda contar co apoio do resto dos grupos que conforman a Corporación Municipal para a súa aprobación e coa participación das distintas asociacións promotoras desta iniciativa para a súa posta en marcha.