Site icon Crónica3.com A Mariña

Suárez Barcia levará ao pleno unha proposta para pedirlle ao Ministerio de Fomento que alumee a Ponte dos Santos, infraestrutura da que é titular

Ribadeo, 15 de setembro de 2015.- O goberno local de Ribadeo levará a pleno unha proposta para pedirlle ao Ministerio de Fomento que alumee a Ponte dos Santos, posto que é unha infraestrutura titularidade da administración central. Así o anunciou o alcalde, Fernando Suárez, este martes.

O rexedor referiuse a esta importante infraestrutura que “dende hai 28 anos funciona como estrada convencional, pero dende hai 7 como autovía, é o propio Ministerio de Fomento o titular, tanto da infraestrutura física da ponte en si como da vía de comunicación que sobre ela pasa, a Autovía do Cantábrico. A Ponte dos Santos mantense sen alumeado público dende hai varios anos, e o Ministerio debería iluminar as beirarrúas por onde circulan os viandantes cada vez en máis grande número, os viandantes que cruzan de Ribadeo a Castropol e viceversa, os ciclistas que tamén pasan por alí e, cada vez en maior medida, moitos peregrinos que fan o Camiño de Santiago e que teñen que pasar ás escuras, moitas veces con gran perigo, xa que nin o ancho da beirarrúa, que ten escasamente 80 centímetros, nin a disposición da reixa de seguridade cumpren as mínimas normas de deseño que faciliten unha cómoda e segura circulación dos peóns”.

Fernando Suárez di que a propia lei de racionalización da administración local de 2013 define as competencia dos concellos neste ámbito: “en Ribadeo na A-8 ao seu paso por Vilaselán hai alumeado publico e é da propia A-8. Sufrágao o Ministerio, non o ten que sufragar ningún Concello, nin Ribadeo nin Castropol. Tamén hai unha novidade dende hai un par de anos, que con esta lei de 27/2013 de administración local de sostibilidade e racionalización, que restrinxe e define as competencias dos Concellos, é moito mais clara, di que só podemos asumir custos de infraestruturas viarias e outros equipamentos da nosa titularidade”.

O alcalde de Ribadeo subliñou que “dende logo a Ponte dos Santos non é da nosa titularidade polo tanto esa competencia é ese mantemento recae, pola lei que o proio goberno do Estado aprobou hai dous anos, no Ministerio de Fomento. Os Concellos de Ribadeo e Castropol queremos e quixemos e decidimos de xeito conxunto dirixirnos á ministra de Fomento para que a chama da cordura alume de novo e para sempre na Ponte dos Santos e, en consecuencia, que o Ministerio, que é o responsable, se faga cargo da súa iluminación publica, que vai redundar na seguridade das persoas e dos vehículos que a diario transitan por esa ponte nexo de unión entre Galicia e Asturias e tamén un fito importante no Camiño Norte. Será unha das propostas que levaremos ao pleno da Corporación e confiamos en que saia adiante”.

Exit mobile version