Site icon Crónica3.com A Mariña

Teijeiro: “Co traballo do novo goberno, a Deputación tapou as vergoñas que deixaron o PSOE e o BNG, implicándonos no apoio aos servizos sociais básicos”

Lugo, 29 de setembro de 2015.- A deputada de Benestar, Mari Teijeiro, asegurou na mañá deste martes que “co traballo do novo Goberno, a Deputación tapou as vergoñas que deixaron os seus antecesores, implicándose no apoio aos servizos sociais básicos”. A popular engadiu que “queda claro e demostrado con feitos que reforzar os investimentos en benestar era necesario, era de xustiza e era a nosa obriga e en ningún momento un gasto”.

A Deputada fixo estas declaracións durante o debate da moción do BNG para esixir á Xunta de Galicia que cumpra coa súa obriga de participar nos custes de financiamento de servizos sociais. Teijeiro entendeu este iniciativa como un novo intento de eludir responsabilidades por parte da Deputación lucense. “Cumprimos co noso deber e coa normativa vixente, algo que os socialistas e nacionalistas incomprensiblemente se negaron a facer ata o punto de non firmar convenios na área de Benestar e de Traballo”.

A deputada asegura que “entende que lles poda xerar certo sentimento de complexo ou vergoña non ter feito en oito anos a labor que fixo o Goberno popular nestes meses”. Así, Teijeiro enumerou entre as actuacións da Deputación en materia de benestar o incremento nun 71,43% das axudas destinadas ao Servizo de Axuda no Fogar ou o financiamento do 100% dos custes reais do servizos de teleasistencia domiciliaria e comezar a xerar altas nun servizo totalmente esquecido.

O vicepresidente da Deputación ratifica o compromiso do PP para que a sanidade pública na provincia continúe a ser de calidade
No que respecta á moción do grupo provincial socialista sobre servizos sanitarios na provincia, o vicepresidente da Deputación, José Antonio García, asegurou que “crear alarma é moi fácil a base de pancartas” mentres puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia en materia sanitaria con Lugo ao lembrar que a provincia conta cun dos mellores hospitais de Galicia e de España. O Goberno galego ten investido no Hula máis de 60 millóns de euros. Amais, o gasto en equipamento supera os 25,8 millóns. A Xunta executou as obras e licitou os concursos que permitiron dotar a este hospital de cociña, gardaría, aparcadoiro e mobiliario. Tamén se investiron máis de 1,2 millóns nos laboratorios de Saúde Pública.

Segundo o vicepresidente, a iniciativa socialista fáltalle “ao respecto ao razoamento”, neste senso, José Antonio García explicou que os datos demostran que “é falso que se estea discriminando a Lugo máis ben o contrario. Lugo conta cunha sala de hemodinámica que puxo a funcionar o Goberno do PP e o funcionamento é igual que a sala de Ourense, que puxo en marcha o Goberno bipartito”.

A maiores, a moción do PSOE falta á verdade. O vicepresidente indica que os pacientes con patoloxía urolóxica van contar co mesmo dispositivo de asistencia que ata o de agora. “O único que cambia é a ubicación dos enfermos dentro do hospital, coa pretensión de mellorar a calidade asistencial ao agrupar as especialidades cirúrxicas que podan beneficiarse dunha maior proximidade entre elas. Non se pecha Uroloxía, senón que se crean dúas novas unidades, unha de preingreso e outra unidade de corta estancia media, grazas a esta reorganización”, matizou.
En canto ao peche de camas, o deputado popular tamén explicou que o Hula ten a día de hoxe máis de 140 camas libres nas distintas áreas de hospitalización e o índice de ocupación do centro ronda o 74%, “o que garante unha alta capacidade para ingresar a todo aquel paciente que o precise. A posta en funcionamento das camas estase a realizar de xeito paulatino, conforme se vai recuperando a actividades asistencial tralo período vacacional”.

O PSOE e o BNG non están lexitimados para dar leccións en materia enerxética
En relación á iniciativa do BNG sobre a garantía da enerxía como servizo público, o voceiro do Goberno, Carlos Armesto, lémbralle a socialistas e nacionalistas que son “os menos indicados para dar leccións en materia enerxética cando deixaron 30.000 millóns de euros de déficit nas tarifas eléctricas. Con eles, a luz subía en España nada menos que nun 63%”.

Neste ámbito, Armesto puxo en valor as medidas tanto do Goberno central coma do autonómico. Así, enumerou, entre outras, unha necesaria reforma do sector eléctrico que “por fin hoxe podemos dicir que acaba co déficit da tarifa”, ademais de destinar o Goberno central 260 millóns de euros en programas de incentivos, como son os do vehículo eficiente ou axudas á rehabilitación enerxética de edificación; ao que se lle suma o bono social ou o chamado ticket eléctrico social da Xunta, dirixido ás familias galegas con menos recursos para reducir o custo da factura.

Exit mobile version