Site icon Crónica3.com A Mariña

Tráfico inicia este luns unha campaña intensiva de control do uso do cinto e dos sistemas de retención infantil

6 de setembro de 2015.- A Delegación do Goberno en Galicia informa que a Dirección Xeral de Tráfico poñerá en marcha dende este luns e ata o próximo domingo, día 13, unha campaña intensiva para controlar o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil (SRI). Esta iniciativa enmárcase dentro da programación de campañas e operacións especiais de vixilancia e control previstas por Tráfico para o presente ano, co ánimo de mellorar a seguridade vial e concienciar os usuarios das vías da importancia de comportamentos máis seguros.

Durante unha semana, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis para comprobar que tanto o condutor coma os ocupantes dos vehículos fan uso do cinto de seguridade. Comprobarán, de igual modo, que os menores viaxan cos correspondentes sistemas de retención infantil axeitados á súa estatura, peso e idade.

O uso de sistemas de retención homologados -cinto de seguridade e sistemas de retención infantil- veuse evidenciando como o sistema de seguridade vial máis sinxelo e eficaz en todo tipo de vías e traxectos, ademais de ser imprescindible para que o airbag sexa eficaz.

O cinto de seguridade é un seguro de vida. Non hai que esquecerse el e levalo sempre abrochado, tanto en estrada coma en cidade. A DGT estima que o seu uso reduce á metade o risco de morte en caso de accidente.

No ano 2014, un 23% dos usuarios de turismos e furgonetas falecidos en sinistros producidos en vías interurbanas non utilizaban o cinto de seguridade. En zona urbana esta porcentaxe elévase ao 30%.

No caso dos sistemas de retención infantil, a DGT recorda que un neno sen suxeición multiplica por cinco as posibilidades de sufrir lesións mortais ou graves. Neste sentido, un dos obxectivos do Plan Estratéxico de Seguridade Vial 2011-2020 é “lograr que ningún neno perda a vida por non ir correctamente sentado nunha cadeira axeitada para o seu peso e talle”.

Campaña anterior en Galicia
Na campaña específica de control do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil desenvolvida do 8 ao 15 de marzo de 2015 en Galicia, controláronse 53.680 vehículos e formuláronse 505 denuncias neste sentido.

Regulación legal
A obrigatoriedade do uso do cinto de seguridade ou dos sistemas de retención infantil por parte de condutores e ocupantes dos vehículos cando se circula por calquera tipo de vía está regulado amplamente na lexislación polo Real Decreto Lexislativo 339/1990 polo que se aproba o texto articulado da Lei sobre Tráfico, Circulación de vehículos a Motor e Seguridade Vial e polo Regulamento Xeral de Circulación e polo Real Decreto 1428/2003, de 21 novembro, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Circulación.

O incumprimento desta norma está tipificado como infracción grave, e sanciónase con multa de 200 euros e perda de 3 puntos no caso dos condutores.

Exit mobile version