Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2015.- No contexto da actual crise do sector lácteo asistimos a diversas manifestacións por parte de empresas relacionadas coa cadea de distribución do sector lácteo que parecen querer acalar as voces dos gandeiros galegos e da opinión pública que esixe a sustentabilidade do sector. Algunhas das manifestacións que escoitamos nos últimos días son pasos positivos pero outras, lamentablemente, evidencian o desinterese ‐por parte das empresas‐ de traballar nunha solución para esta crise. Concretamente, queremos trasladar a nosa opinión sobre as medidas anunciadas por Mercadona, Leche Celta e Vegalsa‐Eroski sobre o prezo do leite galego.
No caso de Mercadona asistimos a un esforzo a prol da mellora da situación dun dos extremos da cadea leiteira: o produtor; sen prexuízo para o outro extremo da mesma, o consumidor. Mercadona e os seus interprovedores lácteos xunto con outros provedores que envasan baixo a marca Hacendado acordaron pagar ata dous céntimos máis por litro aos gandeiros nacionais cos que traballan, un total de 3.126 gandeiros en España, dos que 866 son galegos.
Actualmente, o consumidor non sabe que establecementos comerciais garanten a sustentabilidade dos produtores; por iso valoramos positivamente o esforzo que Mercadona está a facer ao comprometerse economicamente para facer posíbel a sustentabilidade das explotacións. Ata o momento, Mercadona é a única empresa que asume sobre o seu marxe ese aumento de prezo.
Por outra banda, nun contexto no que somos ben conscientes da gravidade da crise que vive o sector lácteo, a nosa organización asiste atónita ás declaracións da compañía Vegalsa‐Eroski que propón unha suba de dous céntimos no prezo do leite no lineal dos seus supermercados (Eroski Center, Eroski City e Familia). Esta suba de prezos, que recae no consumidor cliente de Eroski, non asegura que ese incremento chegue aos gandeiros. Vegalsa‐Eroski pide ás industrias que trasladen esta suba aos provedores mais non hai garantía de que isto repercuta no agro galego e nas explotacións da nosa rexión. É máis, aínda no caso de que a suba do prezo do leite acabe repercutindo nos provedores, son os consumidores, non a empresa, os que asumen ese aumento.
Mais grave se cabe é o último caso, Leche Celta que onte mesmo anunciou a súa intención de retirar os contratos á baixa. Segundo fontes do sector consultadas por UCGAL, a semana pasada Leche Celta estaba a firmar contratos á baixa – 1 céntimo menos‐ con gandeiros galegos, unhas prácticas que contradín as manifestacións da empresa. Desde a Unión de consumidores de Galicia esiximos que ese contratos á baixa se revisen e anulen posto que a sustentabilidade dos produtores galegos non pode construírse sobre unha base tan pobre. Ademais, a empresa debería retractarse e lanzar un comunicado oficial onde establecese os parámetros dos contratos que firman os gandeiros con Leche Celta.