Site icon Crónica3.com A Mariña

Bronce para Ana María Briones no X Trofeo Arcobarco

O Barco de Valdeorras acollía este sábado 24 de outubro o X Trofeo Arcobarco de carácter internacional; xa que a el asistiron arqueiros italianos, finlandeses, belgas, suizos e portugueses.

O Club de Tiro con Arco IADOVI de San Cibrao tamén se desprazaba con varios representantes para competir na modalidade de arco recurvo.

Na categoría senior, Gabriel Galante Briones situábase 8º con 528 puntos tralas series clasificatorias e Francisco Melo Botelho, 13º con 511 puntos. Con estas puntuacións ambos arqueiros pasaban ás series eliminatorias e, no caso de Fran, batendo o seu record personal acadado recentemente na competición de San Froilán 2015.

Francisco Melo caía xa en oitavos ante Juan Ramón González Vázquez, do Club Lume-Lar de Ourense, aínda que estivo moi centrado; pero fíxose notar a falta de táboas ata perder por un contundente 6 a 0 en puntuación de sets.

Gabriel Galante, pola contra, logra resistir algo máis. O seu primeiro encontro contra o representante portugués do Club SCP Sporting Club de Portugal, Francisco Coutinho, remata coa súa vitoria por 6 puntos de set a 2. Pero, o segundo encontro sería contra un compañeiro do anterior clasificado primeiro nas series, Jorge Alves. Mostrando táboas e certeza nas execucións, o partido tórnase complicado. Empatan os dous primeiros sets e no terceiro, o portugués logra unha vantaxe que Gabriel reduce no cuarto vecendo e alcanzando o empate a sets (4-4) ata que no quinto, a diferenza dun punto moi axustado -xa que tivo que intervir o xuíz en dúas ocasións para dirimir o valor de dúas frechas dubidosas- decanta a vitoria do lado do portugués apartando a Gabriel da competición.

A alegría para o Club IADOVI chegaría da man da nai deste último, Ana María Briones, que se situaba terceira nas series clasificatorias e, tras disputar as eliminatorias, caía en semifinais ante Noelia Pena do Club Arteixo por un 6-0. Aínda así, disputariase a terceira praza contra Olaia Pérez, do Club Arco Narón, nunha eliminatoria moi apretada ata que Ana logra vencer á súa contrincante por 6 a 4 nos puntos de set facéndose coa terceira posición da súa categoría.

Liga de equipos
O vindeiro fin de semana en Valdoviño, o club mariñán desprazará a dous equipos: o IADOVI A -composto por Gabriel Galante Briones como capitán, Francisco Melo Botelho, Ángel Galante Briones, Ana María Briones Montes e Jorge Galante- e o IADOVI B -composto por José Antonio Rico Pernas como capitán, Davis Pernas Basanta, Lucas Rouco Lópes e Iván Cendán Lindín-.

Ambos combinados competirán na Liga de equipos da Federación Galega de Tiro con Arco na modalidade de arco recurvo nun compionato que se desenvolverá a tres voltas. A directiva do club deséxalles sorte e bo tino ós integrantes de ambos equipos na súa primeira participación nesta competición.

Exit mobile version