Site icon Crónica3.com A Mariña

9 directores de centros de ensino checos visitan A Mariña convidados por APAGA

Ribadeo, 9 de outubro de 2015. Os nove directores de centros de ensino checos convidados pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) que chegarán este domingo, día 11, realizarán un amplo programa de actividades en Ribadeo, A Pontenova, Alfoz, Mondoñedo, Viveiro, Burela e Foz.

A chegada a Ribadeo está prevista para o domingo ás 17.00 horas, tarde na que farán un percorrido polo casco antigo da vila ribadense e despois haberá un viño galego no hotel O Cabazo. O luns empezarán as actividades ás 09.30 horas cunha visita á praia das Catedrais. Ás 11.00 horas irán as instalacións da empresa Industrial Recense, de A Pontenova, para despois facer un percorrido por esa localidade. Pola tarde visitarán a empresa Carrocerías Hermanos Rega, de A Seara (Alfoz) e despois irán a Mondoñedo.

As actividades continuarán o martes, día 13, xornada na que pola mañá visitarán o institutos de Secundaria María Sarmiento, de Viveiro; Perdouro, de Burela; e o de Foz. Despois de comer farán un percorrido polo centros ribadenses IES Gamallo Fierros, a Escola Oficial de Idiomas e a escola agraria Pedro Murias. E o mércores 14 viaxarán a Avilés para ver a empresa Arcelormittal e o Centro Integrado de Formación Profesional desa cidade asturiana. A continuación regresarán a Ribadeo para dar un paseo en barca pola ría e posteriormente haberá unha cea de despedida no hotel O Cabazo.

Esta viaxe enmárcase nos intercambios europeos nos que participan Apaga e centros de ensino doutros países. No pasado curso varios profesores, membros de Apaga, participaron en experiencias similares, a través do programa Aprender a aprender en la formación profesional, e viaxaron a Alemaña, Italia e a República Checa, onde visitaron centros de ensino, empresas, Concellos…

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, que preside Álvaro Doural, é socio de acollida nesta visita chegada desde a República Checa.

Exit mobile version