Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña” ultima detalles para a celebración do Día Mundial da Saúde Mental

IMG-20151001-WA00331 de outubro de 2015.- O próximo sábado, día 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental. Isto vense facendo dende o 10 de outubro de 1992.

Para conmemorar un día tan especial dende a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “ A Mariña” estase organizando unha xornada de portas abertas que terá lugar, a partir das cinco da tarde, na Unidade Residencial de Cervo.

O acto abriráo a Directora Técnica Xeral de “A Mariña” , Dna. María José Nóvoa, para dar paso aos verdadeiros protagonistas da xornada, os usuarios dos distintos dispositivos , quenes serán os encargados, por parellas, de presentar cada acto da xornada .

Cada un dos actos será moi significativo e cargado de sentimento:

En primeiro lugar, será a Lectura do Manifesto do Día da Saúde Mental de man da Presidenta, Mª Iris Castro Meitín . Será o momento máis reivindicativo da xornada onde se recordará os dereitos das persoas con enfermidade mental.

A continuación será a Inauguración do mosaico da Unidade Residencial: Dous dos usuarios da Asociación falarán da elaboración do mosaico que dá a benvida ao edificio e agradecerán a colaboración dos voluntarios da Fundación Alcoa na súa elaboración. Asimesmo destaparán a placa conmemorativa situada nun lateral do mesmo.

Por outra banda pasarán a Inaugurar a sala de exposicóns dos distintos traballos artesanais realizados nos distintos Centros (Burela, Ribadeo e Cervo), mostra do esforzó e traballo diario.

E será o día da presentación da tan esperada revista Agarimo, unha mostra á sociedade dunha realidade social que pide a súa integración plena , loitando contra o estigma.

E xa para rematar poderase gozar da obra “O cazo de Sabela”. Esta obra fala do que supón padecer unha enfermidade mental e como reacciona un mesmo e o entorno.

Será polo tanto, unha xornada festiva e con moito sentimento e empatía entre os asistentes, finalizando coa degustación duns pinchos.

E para que todo isto se realice con éxito, en “A Mariña” xa andan cos preparativos e así, durante este xoves sacáronse as fotos que acompañarán á revista Agarimo, reuniuse o persoal e usuarios de todos os dispositivos e fixeron un pequeno ensaio do que será o gran día.

É para todos os membros da Asociación un día único, diferente e representativo no que abrirán as portas da entidade para pasar unha gran tarde sen esquecer a importancia de coidar a saúde mental e loitar pola integración das persoas con enfermidade mental.

Desde a directiva da Asociación fan un chamamento a todas as persoas que queiran coñecelos como colectivo, animándoos a que se acheguen o día 10, día Mundial da Saúde Mental.

Exit mobile version