Site icon Crónica3.com A Mariña

A Aula CeMIT de Burela impartirá 4 novos cursos de informática básica este mes de outubro

Burela, 8 de outubro de 2015. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, a Rede CeMIT do Concello de Burela, comezará catro novos cursos durante este mes.

O xoves, 15 de outubro, iniciarase o curso Creación de carteis, unha formación dirixida a persoas con coñecementos básicos de informática. Neste curso ensinarase a realizar carteis mesturando texto, formas e imaxes a través do programa libre Draw, incluído no paquete ofimático LibreOffice. O curso contará cunha duración de 14 horas e impartirase de luns a venres en horario de 10.00 a 12.00 horas e rematará o día 23.

O 19 de outubro dará comezo o curso Correo Electrónico, dirixido a persoas con coñecementos básicos de internet. Con esta actividade aprenderase a crear unha conta de correo electrónico coa que poder enviar e recibir mensaxes doutras persoas. Dito curso terá unha duración de 12 horas e impartirase os luns e mércores de 18.30 a 20.00 horas. Finalizará o 12 de novembro.

O curso Redes Sociais: Twitter comezará o 22 de outubro e rematará o xoves 5 de novembro. Neste curso abordarase o funcionamento da rede social Twitter. A través desta plataforma social, os asistentes á actividade poderán seguir as publicacións doutras persoas, comunicarse con elas e expor a súa opinión sobre temas de actualidade. A actividade contará cunha duración de 12 horas e impartirase de luns a xoves en horario de 16.00 a 17.30 horas.

Por último, o 26 de outubro comezará a impartirse o curso Iniciación á informática, actividade coa que se pretende dotar aos participantes das destrezas e coñecementos necesarios para manexar un computador dun xeito básico. Este curso vai dirixido a persoas sen coñecementos de informática e a súa duración será de 14 horas. Impartirase de luns a venres en horario de 10 a 12 horas e finalizará o día 4 de novembro.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades os interesados poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela sita Casa da Xuventude. Tamén é posible inscribirse a través da páxina web https://cemit.xunta.es/ ou enviando un correo á dirección cemit.burela@xunta.es.

Exit mobile version