O colectivo veciñal O Tesón realizaba unha viaxe este sábado 10 de outubro. Aproveitando a hospitalidade de Mariña Patrimonio, da man de Manuel Miranda, e dos Aventados, por Pablo Mosquera, o paseo de desfrute e coñecemento dos nosos veciños foi por terras mariñáns, dende Burela a San Cibrao, rematando en Sargadelos.
A unión da rasa cantábrica coas terras de granito que constitúen o manto da maioría de Galicia foi visitado en terreos do porto de Burela como inicio da viaxe, guiados por Manuel Miranda.
Foi despois a quenda do castro de Burela, xunto coas formacións que aínda o distinguen, tras moitos séculos de ser abandoado, dando testemuña un pasado que é de todos.
Despois, a visita á Atalaia, a máis de ollar os Farallóns e os restos dun castro maltratado ata que foi defendido, propiciou que algún dos participantes fora incluído na gravación da lectura do Quijote na que están inmersos Os Aventados.
O descanso que supuxo a hora de comer tamén acompañou o desfrute propio e da compañía con información e discusión sobre presente, funcionamento e futuro das sociedades que estabamos presentes, Aventados, Mariña Patrimonio e O Tesón.
Para finalizar, fomos titorados nunha visita ó entorno de Sargadelos e as súas instalacións, despedíndonos así nun centro de cultura e industria que forma parte da historia de Galicia.
Un ano máis, quen foi, volveu cun día desfrutado e aproveitado en coñecer a nosa terra e trabar relacións con xente que a sente con coñecemento dela.