Site icon Crónica3.com A Mariña

A Concellaría de Servizos Sociais de Burela organiza unha xornada sobre violencia intrafamiliar dirixida ás familias afectadas, coidadores e cidadanía en xeral

Burela, 26 de outubro de 2015.- A Concellaría de Servizos Sociais, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), organiza o próximo 4 de novembro unha xornada sobre violencia intrafamiliar, que será impartida polo psicólogo clínico do centro de saúde da vila, Mariano Carrero Moure. A actividade está concibida para familias afectadas, coidadores/as e interesados en xeral.

A xornada celebrarase entre as 17 e as 21 horas no Salón de Conferencias, situado na rúa do Correo, e para participar nela é necesario inscribirse no CIM, sito no Concello, ou no teléfono 982 58 06 09. María Isabel Graña Garrido é a encargada de programar a actividade, na que colaboran a Xunta de Galicia, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns e a Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria.

“O obxectivo é coñecer e aclarar os conceptos de xénero, violencia e violencia intrafamiliar”, segundo explica a concelleira de Servizos Sociais, Patricia Otero. A edil socialista engade que “tamén se pretende visualizar o fenómeno da violencia no ámbito familiar e informar sobre a mesma, acadar habilidades para a escoita e a comprensión para detectala, así como fomentar cambios nas actitudes e condutas da cidadanía respecto ás persoas que sofren maltrato no ámbito familiar”.

O programa da xornada abordará o concepto de maltrato e de violencia intrafamiliar, así como os seus tipos: o maltrato infantil, de fillos a pais e dentro da parella, contra a muller, o maltrato a persoas maiores e as consecuencias destes comportamentos na saúde física e mental e na convivencia.

A actividade non se considera formación continua para o persoal do Servizo Galego de Saúde.

Exit mobile version