Site icon Crónica3.com A Mariña

A Confederación ANPAS GALEGAS advirte sobre “o electoralismo” arredor do anuncio dun protocolo de atención domiciliaria na estratexia de convivencia escolar

Lemos na prensa de hoxe, 22 de outubro, que a Xunta aprobará “en breve” un protocolo de atención domiciliaria dentro da estratexia de convivencia escolar, o que volve a traer á luz unha noticia que a propia consellaría de educación publicou na súa web o pasado día 11.

Na Confederación ANPAS GALEGAS por suposto que demandamos unha nova normativa, non simplemente un protocolo, que deixe sentadas as bases dunha atención hospitalaria e domiciliaria eficaz e moderna, na que se contemplen os dereitos escolares dos nenos e nenas que estean pasando por circunstancias que impidan a súa escolarización dun xeito ordinario, e o apoio efectivo ás súas familias neste eido; pero pensamos que esta normativa debe vir acompañada dun debate social no que esteamos todos e todas.

Estamos afeitos a comprobar como uns meses, ou semanas, antes dunhas eleccións importantes, máis aínda cando o partido de goberno non ten a seguridade de saír novamente elixido, aparecen imprudentemente solucións que procuran a noticia pero non resolven o problema, normativas enchidas de boas intencións e baleiras de concrecións que logo poden ser esquecidas porque non afirman nada, non declaran dereitos e non pretenden solucionar ningún problema certo.

Por iso, cando falamos dun problema tan serio como o que se está a tratar, dende esta Confederación esiximos que se fale con todos os sectores implicados, por suposto co departamento de Sanidade, pero tamén con toda a comunidade educativa que, teremos que lembralo novamente, está constituída pola Consellería de Educación, certamente, pero tamén polo profesorado, as familias, e o propio alumnado; e mesmo debería contar tamén co consenso das outras forzas políticas para garantir esa continuidade na acción educativa que na sociedade sempre demandamos, e os sucesivos poderes institucionais sempre rexeitan.

A actual situación da atención hospitalaria e domiciliaria non se amaña cun novo protocolo, precísase claramente unha normativa completa e complexa que deixe aclarado cal é o modelo de atención polo que aposta a sociedade deste País, que afirme dereitos e estableza medios humanos e materiais, porque o obxectivo debe ser a continuidade do ensino por riba das circunstancias médicas puntuais que poidan afectar ao alumnado; pero tamén a organización desa continuidade mirando máis aló da solución a cada un dos problemas específicos nos que se materialice.

Ao final, todo é algo moi sinxelo: trátase só do dereito a coñecer, con anterioridade, que vai ocorrer se un neno ou nena cae enfermo durante un período prolongado, cantas horas de clase vai ter no hospital onde estea ingresado, quen vai impartir esas clases, cómo se vai coordinar co seu centro de referencia, e mesmo como vai manter a ligazón con ese centro e cos seus compañeiros-as, quen o vai atender cando pase do centro hospitalario á súa casa, e durante canto tempo e en que materias e como se vai manter e incrementar paseniñamente aquela relación coa realidade que continúa avanzando sen el ou ela. E todo iso sen declaracións de intencións senón cunha clara afirmación de dereitos.

Exit mobile version