Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería do Medio Rural destinará máis de 19.000 euros a obras de mellora da rede viaria do concello de Lourenzá

DSC_0073 (1)Lourenzá, 20 de outubro de 2015.- A Consellería do Medio Rural destinará un total de 19.046,5 euros a obras de mellora da rede viaria do concello laurentino. Así llo confirmou a conselleira Ángeles Vázquez á portavoz do Partido Popular, Emma Álvarez Chao, nunha xuntanza de traballo mantida en Santiago.

A concelleira popular interesouse polos investimentos da Consellería comprometidos co seu municipio na etapa en que ela foi alcaldesa e recibiu cumprida información por parte da titular de Medio Rural sobre as actuacións previstas. Nos vindeiros días asinarase co Concello de Lourenzá un convenio de colaboración, no que se levarán a cabo as obras que, a día de hoxe, están pendentes de realizar e que están encamiñadas a arranxar os danos ocasionados polas choivas que se produciron o pasado 4 de decembro. Concretamente, as obras a realizar son dúas pontes no lugar de Lanzós, en San Adriano, e no lugar de Batán, en Santo Tomé. Con anterioridade, no mes de xullo, dende a mesma Consellería actuouse no lugar da Tilleira na parroquia de Santa María no levantamento dunha escollera e na realización dun muro de peche.

Mediante este convenio a Consellería asume a realización, con cargo aos seus orzamentos, das obras sinaladas, mentres que o Concello comprométese a poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para a execución das actuacións, así como os correspondentes permisos e autorizacións para levalas a cabo.

Estes fondos comprometidos pola Consellería permitirán volver a normalidade a rede viaria de Lourenzá, xa que a día de hoxe aínda permanecen cortadas dúas estradas secundarias que ocasionan un importante trastorno aos usuarios das mesmas dende o mes de decembro do ano pasado.

Dende o Partido Popular de Lourenzá lamentamos o retraso na execución das mesmas, así como a pasividade e a falta de interese do Goberno local que non mostrou nin o máis mínimo interese dende que son goberno por estas obras. Por último, pedímoslles aos nosos veciños unha pouca máis de paciencia na recta final desta actuación, que permitiu un aforro superior aos 38.000 ao asumir a responsabilidade do Concello a Consellería de Medio Rural.

Agardamos que no prazo máximo de dous meses estas obras sexan xa unha realidade e, tamén, que o novo equipo do Goberno local asuma as súas funcións, dunha vez por todas, e se interese polas necesidades dos seus veciños a fin de darlles solución. Mentres tanto, o Partido Popular de Lourenzá, dende a oposición, non deixará de velar polos intereses dos laurentinos.

Exit mobile version