Site icon Crónica3.com A Mariña

A Croa e o Castelo, dous novos xacementos no concello de Xove

21718551084_7c95b1f5e6_cA Mariña 27 de outubro de 2015.- Despois da solicitude realizada por Mariña Patrimonio diante da Consellería de Cultura o pasado mes de agosto, o Servizo de Patrimonio Cultural vén de incluír no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural dous novos sitios arqueolóxicos coa denominación Castro da Croa e Castro Castelo e coas claves de identificación: GA27025031- GA27025032, respectivamente.

O castro da Croa atópase no lugar coñecido tamén como Antemil, na parroquia de Xuances. Trátase dun castro costeiro no que se observa un sistema defensivo composto por dous parapetos e mais un foxo. O sistema defensivo vese reforzado pola súa estratéxica situación, así como pola impresionante altura do cantil no que se atopa.

Por outra parte, o xacemento do Castelo,actualmente plantado de eucaliptos, é un recinto fortificado por un só parapeto e atópase a uns 400m do castro costeiro, e asemade xacemento medieval, de San Tirso de Portocelo.

O verdadeiramente salientable da inclusión destes xacementos no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos é que os dota dunha protección legal, que debería garantir a súa conservación para que as vindeiras xeracións poidan gozar destes bens patrimoniais.

Exit mobile version