Site icon Crónica3.com A Mariña

A directiva da AVV O Tesón agarda “unha renovación” para garantir o seu futuro

A asemblea da AVV O Tesón celebrábase o pasado sábado 10 de outubro para dar conta do desenvolvendo das súas actividades en plena forma e con apoio de preto dun cento de socios; “pero cunha falta grave: a de participación dos propios socios, implicándose de cheo nas actividades desenvoltas”.

As principais discusións xiraron precisamente sobre que os socios apoian, mesmo de xeito económico, pero non participan. “A baixa participación en actividades convocadas pola asociación e a nula renovación fai pensar á directiva que, de seguir así, nun próximo futuro a asociación podería chegar a estar totalmente desligada da base social, o que se entende como algo que non se desexa, algo que hai que evitar”.

Por iso, a directiva propón un novo enfoque para o futuro da asociación que “aglutine un grupo de asociados con novas ideas a ilusión que conduciu as actividades ata o momento, ó que sumariamos o apoio da actual directiva dunha sociedade en plena forma, pero que necesita unha renovación para non deixar de cumprir a súa misión”.

“Se polo contrario os asociados estimaran que a a asociación cumpriu o seu ciclo vital non dando resposta ó desafío ó que se enfronta, a actual directiva remataría as actividades en marcha, faría un resume dos case trece anos da historia social e desprenderíase dos activos da sociedade, doándoos para maximizar o seu impacto social. O anterior, preservando a documentación básica que permitiría no futuro, se é o caso, aproveitar unha institución que estamos seguros que pode contribuír a un futuro compartido en Ribadeo, aínda que entendamos que debe renovarse coa participación e implicación social”.

En calquera caso, “cada membro da directiva é consciente de que lle queda por aportar moitos graos de area na construción dun Ribadeo mellor para todos, dentro de O Tesón ou con outro formato social. Por outra beira, somos conscientes de que un novo enfoque é necesario para que a nosa sociedade cumpra cos seus fins en sintonía cos asociados, como veu facendo ata agora, dun xeito do que estamos orgullosos”.

“Agradecemos ós socios e a toda a sociedade ribadense o apoio dispensado ata o momento. É precisamente o responder do mellor xeito posible a este apoio o que nos leva a propoñer esta renovación dende a mesma directiva”.

Exit mobile version