Site icon Crónica3.com A Mariña

A Librería Bahía de Foz acolle este venres a presentación do libro “A historia de Odoyno” de Antonio Rodríguez Baixeras

A Historia de OdoinoFoz, 27 de outubro de 2015.- A asociación cultural A Pomba do Arco organiza a presentación do libro A Historia de Odoyno, que terá lugar este venres, día 30, ás 20.30 na librería Bahía de Foz.

O autor do libro, Antonio Rodríguez Baixeras, xa ten editado varios libros anteriormente como a novela O rei dos Ameneiros ou unha interesante biografía sobre Alexander Hamilton, un dos país da independencia norteamericana. A súa profesión como docente levouno á escribir, como coautor, varios libros de texto de ciencias sociais.

Este libro que se presente é froito de moito tempo traballando sobre o tema da vida, da obra e do legado de Odoino.

O protagonista deste libro é un monxe galego do século X, que pouco antes da súa morte redacta un documento, a modo de testamento, onde narra as súas experiencias vitais, recolle datos históricos do momento vivido e doa ao mosteiro de Celanova a súa propiedade máis querida, a igrexa de Santa Comba de Bande.

Rodríguez Baixeras recolle ese testamento que se conserva no Tombo de Celanova e transcríbeo. O documento escrito pouco antes do 982 por Odoino servirá de base documental para que o profesor Baixeras responda a unha serie de preguntas que o citado texto suscita.

Así, e grazas a labor investigadora do profesor, coñeceremos a Odoino, a súa familia, camiñaremos por aquel século X, que os historiadores bautizaron co nome do século de ferro, a carón da gran figura eclesiástica do século, San Rosendo, bispo de San Martiño e Santiago de Compostela. Cabalgaremos ao lado da alta nobreza galega os Menendiz e os Osoriz que controlaron o destino do nacente reino cristián. Mais tamén saberemos das relacións e vinculacións que mantiñan con Galicia os reis Sancho, Ordoño e Ramiro.

Ao longo do libro o profesor Rodríguez Baixeras explica dunha maneira moi comprensible certos conceptos e termos que aparecen no texto, como pode ser a evolución das vilas altomedievais, as distintas cidades que había en Galicia no século X ou a relación dos mosteiros que coñecera Odoino, entre outros temas.

Todo isto fai deste texto un libro agradable á lectura trala cal o lector terá unha visión moito máis completa e documentada daquela Galicia do século X.

Por todo isto a asociación cultural A Pomba do Arco quere convidar a todos os veciños tanto de Foz como da Mariña á acudir este venres, ás 20.30 á librería Bahía de Foz para coñecer e falar con Antonio Rodríguez Baixeras, autor do libro A Historia de Odoyno, o que gustosamente asinará exemplares da súa obra.

Exit mobile version