Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña Federación prolonga ata o 30 de novembro a campaña de Nadal que repartirá 12.000 euros en vales de compra

A Mariña, 30 de outubro de 2015. A Mariña Federación anima a veciños da comarca e a visitantes a facer as súas compras no comercio asociado da zona durante o mes de novembro e a gozar da hostalería da zona. E recorda que “hai 12.000 euros en premios dentro da nosa campaña de Nadal. Os afortunados ou afortunadas serán seis clientes, que confíen no comercio tradicional e próximo e nos locais de restauración de Burela, Foz, O Vicedo, Ribadeo, Viveiro e Xove”.

Aquelas persoas que estes días achéguense aos locais asociados poderán conseguir as rifas que lles permitirán entrar no sorteo de 12.000 euros en vales de compra. Desde a directiva da Mariña Federación explican que “se sortearán seis vales de compra de 2.000 euros, un por cada asociación de empresarios que forma parte da Federación de Comercio da Mariña, que son as de Burela, Foz, O Vicedo, Ribadeo, Viveiro e Xove. O sorteo realizarase ante notario o 1 de decembro. En caso de quedar deserto algún premio doarase a algunha entidade que decidirá a xunta directiva da Federación de Comercio da Mariña”.

A campaña de Nadal da Mariña Federación deu comezo o pasado 15 de outubro e prolongarase ata o 30 de novembro. A directiva sinala que “é importante que todos os clientes do noso comercio se fagan coas súas papeletas, que as garden e que o 1 de decembro estean moi pendentes das redes sociais e dos medios de comunicación da comarca”.

Para esta campaña promocional A Mariña Federación conta coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio, da Consellería de Economía e Industria, da Xunta de Galicia.

Exit mobile version