“No día de hoxe vénse de publicar no DOG a contratación do equipamento interior da nova residencia de maiores do Concello de Foz, obra que está a punto de rematar. Moi probablemente no próximo mes sexa entregada o que é a parte da construción do edificio, que está en fase de remates interiores, de pintado e de urbanización”, explicou Javier Castiñeira.
O alcalde valora o avance que supón o anuncio desta contratación, que conta cun orzamento de 179.967 euros: “con este anuncio da contratación do equipamento dáse un pasiño máis para que nos vindeiros meses de principios de ano 2016 seguramente, unha vez contratado o persoal, poida estar xa en funcionamento esta residencia tan desexada no noso municipio. Cubrirá un servizo moi importante, a atención de 40 residentes máis outras 40 persoas no centro de día, en total 80 maiores que estarán ben atendidas nunha infraestrutura moderna, con grandes avances tecnolóxicos e cun equipamento de mobiliario que foi hoxe contratado polo Consorcio Galego de Benestar da Xunta de Galicia. Polo tanto, máxima confianza na Xunta de Galicia, que cumpre o seu compromiso con Foz, un máis, neste caso un compromiso importante, que é dar un o paso da contratación do equipamento para a residencia. Agradecemos a todos estes entes que fagan posible que para os vindeiros meses, os primeiros de 2016, poidamos estar xa gozando dese equipamento en servizo e o gocen os nosos maiores, que ben merecido o teñen”, dixo Castiñeira.