Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina este ano preto de 18.000 euros para incrementar os fondos das bibliotecas da Mariña

A Xunta de Galicia inxectou este ano 51.544 euros nas bibliotecas e axencias de lectura públicas dunha vintena de concellos da provincia. No caso da Mariña, serán 17.746,65 euros para fondos bibliográficos das bibliotecas e axencias de lectura municipais incluídas na Rede de Bibliotecas de Galicia: as de Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Ribadeo, O Valadouro e Xove.

A delegada territorial, Raquel Arias, explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de aprobar un novo pago por importe superior aos 27.000 euros distribuídos entre 21 concellos, para axudarlles a sufragar as compras de fondos bibliográficos que realicen ata o 1 de abril de 2016.

Esta partida é a segunda que se aproba este ano, logo de que en febreiro se destinaran case 25.000 euros a contribuír cos investimentos que as bibliotecas realizaron ata o mes de abril deste ano.
A Xunta concede estas axudas, de concorrencia competitiva, aos centros municipais integrados na Rede de Bibliotecas de Galicia, para posibilitar a mellora das súas coleccións e deste xeito dar cumprida resposta ás demandas dos usuarios.

Con este financiamento, as bibliotecas poden acceder ás novidades bibliográficas, material sonoro, videogravacións (DVD, Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM…), ou calquera outro material tanto para o préstamo a domicilio como para a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.

A delegada destacou a relevancia “dun investimento que redunda nun servizo fundamental, como son as bibliotecas públicas, e que promove a cultura e, moi singularmente, a cultura galega, xa que ademais as axudas implican que unha terceira parte do importe concedido debe destinarse á adquisición de fondo bibliográfico editado en lingua galega”.

Exit mobile version