Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta investirá en 2016 un 11 % máis en infraestruturas, vivenda e transportes para mellorar a calidade de vida dos galegos e contribuír ao crecemento económico

Santiago, 26 de outubro de 2015.- A Xunta investirá en 2016 un 11 % máis en infraestruturas, vivenda e transportes para mellorar a calidade de vida dos galegos e contribuír ao crecemento económico. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, presentou este luns no Parlamento de Galicia os presupostos do seu departamento para o vindeiro ano, que suman 370,4 millóns de euros.

Estas contas para 2016 permitirán potenciar catro liñas fundamentais:
• Completar os eixos de vertebración do territorio, con importantes vías de novo trazado pero tamén garantindo a conservación e a seguridade viaria das existentes.
• Impulsar a mobilidade sustentable e a intermodalidade no transporte de viaxeiros, mellorando tanto en infraestruturas como en servizos.
• Reforzar a garantía do dereito a unha vivenda digna, prestando especial atención aos máis desfavorecidos.
• Favorecer a actividade económica facilitando a implantación de empresas no solo industrial e mellorando a súa conectividade coas redes de transporte.

Política para as persoas
Por unha parte, Ethel Vázquez deu a coñecer o primeiro bloque das contas autonómicas para o seu departamento, a política para as persoas. Salientou que o criterio de escolla das actuacións foi o interese xeral dos galegos, pensando en primeiro lugar nas necesidades máis perentorias: solucionar os problemas das persoas e mellorar a súa calidade de vida e benestar son as motivacións que levan a traballar en política, segundo indicou a conselleira.

Vertebración do territorio
Na liña de mellorar as comunicacións no territorio, a Axencia Galega de Infraestruturas seguirá a vertebrar Galicia mediante a construción de vías de alta capacidade e a conservación da rede viaria de titularidade autonómica, así como o acondicionamento para unha maior seguridade e comodidade dos cidadáns.

Vázquez manifestou que ao final da lexislatura cumprirase o compromiso de que máis dun 80 % da poboación galega estea a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións. Para isto, no ano 2016 dúas zonas recibirán un grande pulo á súa competitividade ao entrar en servizo sendas infraestruturas: a partir do verán, a autovía da Costa da Morte; e tamén no mesmo exercicio a VAC da Costa Norte, no seu treito Celeiro – San Cibrao e o acceso ao porto de Burela.

A titular de Infraestruturas tamén fixo mención especial á nova autovía do Morrazo polo peso nos orzamentos, con case 18 millóns de euros. Este ano 2015 licítase a obra do seu treito I e no 2016 serán posibles a adxudicación e o inicio das obras do treito II, así como o avance do proxecto do treito III.

Nas contas autonómicas tamén destacan a conexión entre o polígono de San Cibrao e a A-52, para a que hai reservados 1,2 millóns de euros que chegan ata os preto de 20 millóns se temos en conta as anualidades futuras; a autovía AG-59 entre A Ramallosa e A Estrada; e a seguinte fase do Plan Paradai, en Lugo, cuxo proxecto se está elaborando e contará no vindeiro ano con 450.000 euros.

A conselleira destaca que o seu departamento seguirá co mesmo compromiso que levou a pagar preto de 100 millóns de euros en catro anos de expropiacións pendentes.

A conservación e a seguridade viaria tamén continuarán sendo eixes clave da política de estradas e, por iso, a eles adícanse máis de 60 millóns de euros do orzamento da AXI. Ademais a seguridade viaria gaña protagonismo, polo que cómpre destacar que no ano 2016 entrará en vigor o novo Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, e en base a el actuarase non só na execución de obras, senón que se incidirá na “educación e concienciación”.

Os presupostos para 2016 tamén recollen como punto a desenvolver a mobilidade alternativa. No ano 2015 presupostáronse e executáronse os aparcamentos disuasorios de Moaña, A Coruña e Santiago de Compostela, e se está traballando na execución de sendas.

Trátase de rutas útiles que sexan verdadeiras solucións de mobilidade para os veciños conectándoos cos centros de saúde, cos colexios ou coas paradas de autobús mediante unha acción coordinada entre a AXI e a D.X. de Mobilidade. No ano 2016 estas sendas terán un protagonismo indiscutible, cunha partida de 8,4 millóns de euros.

Mobilidade
A Dirección Xeral de Mobilidade conta con preto de 18 millóns de euros para 2016 dos que un 57% se destinan á promoción do transporte público colectivo, ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. Continúa a aposta este ano, cun incremento orzamentario do 16% para continuar coa implantación deste sistema.

Vázquez explicou que se pasou de 6 millóns en 2014 a máis de 10 en 2016, unha clara aposta pola extensión das vantaxes do Plan de Transporte Metropolitano, que pasou de 45 a 65 concellos neste ano 2015 e que utilizan xa máis de un millón de viaxeiros cada mes.

Pero o transporte metropolitano non é a única vía para mellorar as comunicacións por autobús de Galicia. O Goberno galego tamén está a traballar na mellora da accesibilidade das liñas ao centro das cidades e na implantación do billete integrado tren+bus para mellorar a conectividade dos nosos aeroportos.

Outro fito destas contas autonómicas é a intermodalidade, para o que se consignan 35 millóns de euros de fondos FEDER e ao que concretamente en 2016 destinaranse 2,5 millóns, para comezar as obras da intermodal de Vigo, que será a primeira de Galicia.

Na Consellería de Infraestruturas e Vivenda tamén se avanzará para conseguir neste ano os proxectos construtivos das intermodais da Coruña, Santiago e Ourense. Definiranse e deseñaranse estas terminais de autobuses integradas coas de ferrocarril.

Vivenda
Ethel Vázquez salientou que a vivenda é outra das partes estratéxicas da Consellería, un eido a repotenciar e, como símbolo diso, pasa a formar parte do nome do departamento. Non en van, o Instituto Galego da Vivenda e o Solo é o departamento que máis incrementa o seu volume de Gasto. Concretamente un 19,9%.

Neste crecemento, teñen grande importancia as axudas e subvencións á vivenda, que se incrementan nun 39,3 %. Isto é así porque o orzamento recolle as actuacións incluídas no “Plan RehaVita, Plan Galego de Rehabilitación, Aluguer e Mellora do Acceso á Vivenda 2015-2020”.

Este plan articula as ferramentas para garantir que os sectores máis desfavorecidos da sociedade poidan acceder a unha vivenda digna: colaborando coas familias que corran risco de ser desafiuzadas, paliando os efectos dos desafiuzamentos en caso de que cheguen a producirse e axudando ás persoas que xa teñen unha vivenda a rehabilitala.

Ponse a disposición o programa de Promoción Pública de Vivenda, tanto a través da construción de novas vivendas, como coa rehabilitación de edificios existentes. Destínanse aquí 5,7 millóns de euros que permiten:
• Retomar a licitación de vivendas de promoción pública onde existe maior demanda (fundamentalmente A Coruña, Vigo e Ourense) por un importe de 4 millóns de euros.
• Remataranse e entregaranse aos seus adxudicatarios as vivendas actualmente en construción en Pontevedra, Ourense e O Incio.
• Empregaranse 1,3 millóns de euros para Rehabilitación de vivendas de promoción pública propiedade do IGVS.

A Xunta tamén ofrecerá alternativas de vivenda a través dos programas de alugueiro, aos que se destinan preto de 6,3 millóns de euros. Por exemplo, axudas ao alugueiro do Plan de aluguer e rehabilitación 2013-2016 ou dar continuidade aos contratos en vigor acollidos ao Programa Aluga.

Os desafiuzamentos son outra das preocupacións primordiais do Goberno galego, polo que se traballa en axudar ás familias que están a atravesar un mal momento a superar a súa situación conservando o seu fogar.

Trátase dunha serie de medidas coordinadas e complementarias do Programa Reconduce, que lidera a Consellería de Política Social, colaboración precisa para facer chegar aos afectados medidas como o Bono de Aluguer Social, un programa que facilita apoio urxente e inmediato a familias que corren risco de ser desafiuzadas por impago de rendas. Consiste nunha axuda máxima de 4.000 euros repartidos en 150 euros mensuais durante doce meses, prorrogables por outros doce e unha axuda única de 450 euros para facer fronte a pagos atrasados ou ós gastos de formalización dun novo contrato. A convocatoria de 2015 prevía axudas por importe de 1,02 millóns, mentres o orzamento para 2016 prevé unha convocatoria por 1,5 millóns, un incremento de máis do 47 %.

Tamén están en marcha medidas para protexer do risco de ser desafiuzado por impago da hipoteca. Neste sentido, os convenios que a Xunta de Galicia ten asinados con Abanca, Caixa Rural Galega e o Banco de Sabadell, garanten que ningunha destas entidades desafiuzarán as familias que cumpran o requisito. Neste marco, no 2016 continuarase coa aplicación do Programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias, que garante unha vivenda a todos os solicitantes que cumpran os requisitos, tal e como fixo ata o de agora.

Por outra banda, continuarase dando un forte impulso á rehabilitación que será unha prioridade como demostra que o orzamento de 2016 inclúe máis de 23,6 millóns, cun incremento de preto dun 54 %. Estes fondos destínanse a: axudas a rede de oficinas de rehabilitación, 580.000 millóns; vinculadas a rehabilitación de vivendas en ARIs supoñen un total de preto de 9 millóns.

No que se refire a solo residencial, a principal actuación corresponde ao inicio da execución das ultimas fases do Plan Parcial de de San Paio de Navia, en Vigo, ao que se destinarán 3,5 millóns de euros. Así mesmo, continuarase coa actuación de urbanización do solo do parque Ofimático de A Coruña con un importe de 3.750.000 e que figura nos orzamentos de Xestur S.A.

Política para o desenvolvemento económico
Por outra parte, a conselleira explicou o outro bloque dos orzamentos para 2016, a aposta polo crecemento económico e pola implantación e crecemento das empresas de Galicia.

Neste apartado, o solo empresarial xoga un papel primordial para facilitar ás empresas o espazo necesario e adecuado para instalarse e crear emprego e riqueza na comunidade.

O orzamento para 2016 inclúe 19,9 millóns para solo empresarial, destinado fundamentalmente á PLISAN, continuando coas obras da primeira fase dos servizos xerais, iniciando as obras da depuradora de augas residuais e da potabilizadora así como as obras de urbanización da zona Loxístico Empresarial (que se licitarán en 2016). Deste xeito, en 2016 iniciarase a comercialización do solo da primeira fase para que en 2017 as empresas poidan comezar a instalarse. Tamén se investirán na plataforma ferroviaria do Porto Seco de Monforte de Lemos 300.000 euros; e melloraranse os accesos do Parque empresarial de Pazos (Verín) con 300.000 euros.

Xestur realizará diferentes actuacións de remate de obras en A Sionlla en Santiago, Carballo, A Pontenova, Castro de Riberas de Lea, Vilalba, Burela, Xove así como o a división en fases de actuación do parque empresarial de Moras (Arteixo).

Vázquez fixo especial fincapé nas facilidades promovidas para o acceso ao solo industrial, xa que grazas ás bonificacións postas en marcha neste ano 2015 adxudicáronse máis de 386.000 m2 por máis de 14 millóns de euros cos que se prevé un investimento inducido de máis de 240 millóns e a mobilización de máis de 7.600 postos de traballo.

Por outra banda, e como xa figura recollido no RehaVIta, o IGVS vai a iniciar un plan de venda de locais comerciais da súa propiedade para contribuír ao impulso da actividade económica na zona onde se localizan e un apoio aos emprendedores. Incluiría todos os locais do IGVS, especialmente os locais que quedaron desertos en poxas anteriores, nos que se axustará o prezo de venda, buscando alternativas que permitan condicións adaptadas á realidade económica actual.

A titular de Vivenda destacou os postos de traballo mobilizados polo Plan de venda de solo industrial, que sumando o ano 2015 e a previsión de venda de 2016 elevaría a cifra a entre 31.000 e 34.000 postos mobilizados polas políticas da consellería.

Exit mobile version