Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano e Noelia María Ben, representantes do Concello de Burela no Consorcio da Auga Burela – Cervo

Burela, 1 de outubro de 2015. O vindeiro 15 de outubro terá lugar unha xuntanza do Consorcio da Auga Burela-Cervo. No encontro tomarán posesión dos seus cargos os novos representantes do Concello burelés, que serán o alcalde, Alfredo Llano, e a concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben.

O rexedor dixo que “o día 15 vamos interesarnos polo estado actual das contas e das instalacións. E despois vou solicitar algo que é unha preocupación constante, que xa tíñamos na nosa anterior etapa no goberno municipal, cando se fixo o novo abastecemento de auga para Cervo e Burela: dentro do convenio había un punto que non se levou adiante porque non había presuposto daquela, que era unha limpeza integral dos lodos no encoro de Rúa. Hai uns 22.000 ou 23.000 metros cúbicos de lodos, que iso é unha barbaridade e o que fai é encarecer o abastecemento, porque hai que recorrer moitas veces ao bombeo dende o río Covo. Entón unha petición miña vai ser a limpeza do encoro de Rúa e xa veremos como a diriximos, se vai a Augas de Galicia ou a través dunha subvención de Medio Ambiente. Penso que interesante facelo o antes posible”.

Outro dos asuntos que Alfredo Llano porá enriba da mesa e demandará para Burela será “a colocación dun novo contador de medición de auga, que estea ao remate da canalización que ven da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) que hai na Senra ata Burela. Entón vamos solicitar que ese contador estea situado ao pé dos depósitos que temos aquí, en Burela. Eu penso que así será moito máis real e se hai dúas contabilidades moi diferenciadas, da saída da ETAP e da chegada a Burela, iso pode significar que si hai algunha avaría e así se detectarían máis axiña. E ao mesmo tempo certifícanos a auga que pagamos”.

Llano engadiu que “por outro lado, interesarémonos pola actual xestión e mantemento da ETAP e como nos afecta ao Concello de Burela. Pensamos que é unha boa oportunidade para iniciar esta nota etapa e facelo da mellor maneira posible”.

Exit mobile version