Site icon Crónica3.com A Mariña

Alternativa Galega de Esquerda denuncia que os orzamentos recortan sete millóns de euros das partidas para Lugo

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2015.- Para o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Ramón Vázquez, os orzamentos da Xunta para o ano 2016 supoñen, no que respecta a Lugo, sete millóns de euros menos. É dicir, pretenden maquillar “a desfeita provocada por sete anos de neoliberalismo, retalladas continuas e privatizacións” pero, “aínda por riba, recortando as partidas”. Concretamente, os investimentos do Goberno galego na provincia diminúen en case dez euros por habitante.

A maiores, no documento de planificación do gasto da Xunta para 2016 non figuran problemas básicos de Lugo. “Son moitas as necesidades desatendidas, entre outras un novo xulgado de instrución ou o reforzo humano e material dos xulgados da cidade”, explica Vázquez, “a rehabilitación do Barrio da Tinería ou fondos para o antigo cuartel de San Fernando”. O servizo de hemodinámica 24 horas no hospital de Lugo tamén non se atopa nos orzamentos de 2016. “Nin un plan específico para o rural, nin medidas para o sector lácteo, por exemplo”, engade.

“Os orzamentos anuncian, en vésperas electorais, investimentos en infraestruturas viarias para o transporte particular, pero esquecen as verdadeiras necesidades da veciñanza de Lugo”, esténdese o parlamentario de Alternativa, “como o emprego, a vivenda, a atención á dependencia, a sanidade, o ensino”. E nin sequera haberá investimento ningún para unha estación intermodal.

Entrementres, a Xunta de Alberto Núñez Feijóo fai gala das súas estrambóticas prioridades económicas e dedica máis de cinco millóns de euros para que o aeródromo de Rozas (Castro de Rei) sexa empregado para probas de drons polo Ministerio de Defensa. Ao tempo, denuncia Vázquez, “destínanse cartos ao Centro Integral de Formación Profesional das Mercedes, cando hai unha sentenza dos tribunais que ditaminou a falta de motivación da reconversión deste centro e provocouse unha severa falla de prazas na zona sur da cidade”

Colexio no Sagrado Corazón de Lugo
O deputado Ramón Vázquez valora positivamente que a iniciativa aprobada no Parlamento por unanimidade, a instancias de Alternativa Galega de Esquerda, si teña un reflexo nas contas da Xunta, que dedican así unha partida á construción dun novo colexio no barrio do Sagrado Corazón da cidade de Lugo. “Este novo centro educativo”, indica Vázquez, “deberá estar rematado en 2018, cando finaliza o convenio de cesión da antiga caixa de aforros, hoxe Abanca”.

Exit mobile version