Site icon Crónica3.com A Mariña

APAGA recibirá en Ribadeo a un grupo de docentes da República Checa no marco dun programa educativo europeo

Ribadeo, 6 de outubro de 2015.- A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) acollerá dende este domingo, 11 de outubro, ata o xoves da semana que vén a un grupo de nove profesores da República Checa, que visitarán diversos centros educativos e empresas da zona. É a primeira vez que Apaga actúa como socio de acollida con docentes doutras zonas de Europa. Así o destacou Álvaro Doural, presidente do colectivo, que agarda que esta experiencia veña seguida de máis iniciativas semellantes.

Doural sinalou que “a visita como tal vai comezar o día 12. Vai haber unha combinación de visitas a empresas, como Recense ou Hermanos Rega, no Valadouro, e coa visita a Concellos e institutos de Viveiro, Burela e Ribadeo. En Ribadeo van visitar tamén a escola de capacitación Pedro Murias e a Escola Oficial de Idiomas. Farán unha visita tamén ao Centro Integrado de Avilés e a Arcelor. Vai haber unha parte cultural, de visita a Mondoñedo, Ribadeo, e na Pontenova van ser recibidos polo alcalde. Acudirán tamén en Foz ao Centro de Hostalaría. Vai ser un programa bastante axustado de aquí ao xoves, porque ese día pola mañá marcharanse a Santiago e despois á zona de Pontevedra e xa regresarán ao seu país”.

O presidente de Apaga explica que “o que trae aos profesores checos a Galicia é un proxecto similar aos proxectos que estamos facendo nós dende a asociación de visita a institutos e empresas de países da comunidade europea. Nós somos, como se di no argot, socios de acollida. Fixemos un programa de actividades para que estes nove directores da República Checa fagan. É un proxecto do centro de Olomouc, un centro co que nós temos moita relación e no que estiveron tamén os nosos profesores este ano a través do proxecto Aprender a aprender en la formación profesional”.

Doural espera que iniciativas coma esta se manteñan no futuro: “é a primeira vez e pensamos que coa apertura a novos países isto vai ter unha continuidade, precisamente doutros socios. Neste momento estamos en 12 países da Comunidade Europea con proxectos de colaboración e creo que vai ser o comezo doutras estancias formativas de outros profesores doutros centros”. Apaga visitou este ano dentro do programa Aprender a aprender en la formación profesional centros de Italia, Alemaña e República Checa.

Exit mobile version