Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobada por unanimidade a moción do BNG para reclamar o centro de día do Vicedo

O pleno do concello do Vicedo, celebrado o pasado mércores 30 de setembro, aprobaba por unanimidade a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego, reclamando a posta en marcha dun centro de día.

O portavoz municipal do BNG do Vicedo, Adrián Piñón Domínguez instou “a que o Concello do Vicedo se comprométese a solicitar as administracións competentes que leven a cabo todas as medidas posibles para a posta en funcionamento dun centro de día na antiga Casa do Mar no mínimo prazo posible”.

Como xa se sinalara na recollida de sinaturas con este motivo, e que tan boa acollida tivo na veciñanza, unha gran parte dos nosos veciños son maiores, polo que este servizo melloraría a súa calidade de vida e a dos seus familiares, ademais, faría posible a creación de postos de traballo tan importantes neste contexto histórico de crise que vivimos.

O BNG do Vicedo solicita que futuro centro de día conte con servizo de comedor e lavandería, e que o mesmo atenda tamén as persoas cunha mobilidade reducida e que non podan acudir ó centro, impulsando un programa de xantar na casa así como un servizo de transporte adaptado que faga posible a conciliación familiar das persoas que precisen utilizar o centro e dos seus achegados.

O Pleno do Concello do Vicedo debateu unha moción do BNG para a creación dun plan anual de limpeza e mantemento das vías municipais.

Tamén foi debatida no pleno unha moción proposta polo Bloque Nacionalista Galego do Vicedo para que o concello cree un plan anual de limpeza e mantemento das estradas municipais, deste xeito, preténdese dar resposta a unha demanda da veciñanza, a cal se queixa de que o arranxo da rede viaria só se produce no verán.

O plan anual proposto suporía unha importante mellora na circulación polas estradas do concello. Estando moitas delas, sobre todo a das zonas máis rurais, nun estado lamentable e cheas de maleza, o que supón un grave risco para a seguridade dos conductores, tendo sucedido xa algún accidente de tráfico por estas causas.

A moción foi emendada na súa totalidade polo grupo de goberno, que argumentou que era suficiente o mantemento e limpeza das vías que ata o de agora se viña facendo, a pesar das continuas queixas dos veciños. A concelleira Inma García subliñou que “se trata dunha cuestión de vontade, xa que o gasto que pode supor para o concello é mínimo en relación ós beneficios que tería para a veciñanza”.

Ademais rogouse que se puxera en coñecemento da deputación o mal estado que presenta a estrada que comunica o núcleo urbano do Vicedo coa praia de Xilloi, que está chea de fochancas, ao que o alcalde don José Jesús Novo Martínez (PP) respondeu con un “por alí hai que andar máis despacio”

Preguntas sobre a cobertura móbil e as instalacións deportivas.

Por outra banda, neste pleno, xa no punto de rogos e preguntas, o grupo municipal do BNG interpelou á alcaldía sobre o estado das xestións para a instalación dunha antena de telecomunicacións na parroquia de Cabanas. Ademais o BNG interesouse polas accións que estaba a levar a cabo o grupo de goberno para a cuberta das gradas do campo de fútbol de Boavista no que xoga a UD Folgueiro, aínda que as respostas formuladas pola alcaldía fan presupoñer que calquera das dúas accións van precisar de moito tempo para levarse a cabo.

Exit mobile version