Site icon Crónica3.com A Mariña

Axóuxeres de Vilaronte abren o Ciclo de Teatro de Outono en Burela

Burela, 8 de outubro de 2015. A Delegación de Cultura presenta este venres, 9 de outubro, a primeira das obras do ciclo de Teatro no outono, As farturas de Servando, unha peza interpretada polo grupo Axóuxeres, de Vilaronte (Foz). Será no Auditorio da Casa da Cultura ás 21.00 horas.

O grupo Axóuxeres xorde no ano 1968 cun grupo de socios do teleclub da localidade, dirixidos polo párroco Victoriano López Felpeto, hoxe xubilado e substituído por Benito García Bolaño. Fórmano veciños de todas as idades, dende os 10 anos aos 72, nun número de entre 10 e 15 persoas que vai variando, segundo as posibilidades dos membros e dependendo de cuestións laborais ou de estudos.

Axóuxeres representa sobre todo obras de carácter cómico, como son Melocotón en almíbar, Na casa do ciruxano, A carreira do Manuel, Don Armando Gresca ou O velorio de Xan Perolo. No caso de As farturas de don Servando. O grupo leva neste caso ao escenario a historia dun home de aldea que vive coa súa muller, Xoana, e a súa filla, Marina, casada con Moncho. É un home traballador, pero ao que lle gusta moito comer e beber, así que a miúdo chega tarde e bébedo á casa. O seu xenro Moncho fai outro tanto, cousa que amola moito ás mulleres, que os agardan anoxadas. A cousa enrédase cando Servando recibe a noticia de que vai ser avó por primeira vez, aínda que a el quen máis lle preocupa é a súa vaca Karina, tamén a piques de parir.

Exit mobile version