Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro asegura que o alcalde de Ribadeo non quere enviar o informe de viabilidade que reclama a Xunta porque tería que recoñecer que privatizará a residencia

Ribadeo, 30 de outubro de 2015.- O secretario do Partido Popular de Lugo e deputado autonómico, Jose Manuel Balseiro, insistiu este venres que a Xunta si está disposta a poñer o diñeiro, “medio millón de euros, disposta a colaborar” pero o Goberno municipal e o alcalde teñen que facer os seus deberes e enviar o informe que se lles pide.

O popular asegura que o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, foi incapaz de desmentir que a Xunta leva agardando quince meses por un informe de viabilidade que lle foi requirido en agosto de 2014 cando se lle propuxo un convenio de colaboración para financiar a residencia.

“Non foi capaz de desmentilo. Porque non pode facelo. Pero os documentos están aí e rétolle ao alcalde a que os faga público, tanto os da Xunta como as respostas do Concello que en ningún caso inclúen o informe que se lle solicitou””
QUEN REQUIRE A DOCUMENTACIÓN É QUEN DÁ A AXUDA

En relación coa polémica suscitada polo alcalde sobre a necesidade do informe que acredite a viabilidade da residencia, Balseiro aclarou que ten o máximo respecto ao que din os técnicos, tanto os municipais como os da Xunta, pero explicou que en todos os procedementos administrativos quen reclama a documentación xustificativa que debe aportarse é quen da a subvención e non quen a recibe.

“Dubido moito que o Concello de Ribadeo dea subvencións e diñeiro público sen a correspondente xustificación. E dubido moito máis que sexan os que reciben as axudas os que lle teñen que dicir a aqueles que as dan cales son os documentos que valen e cales non”.

O popular dixo que a Xunta “simplemente cumpre a lei” cando solicita o informe de viabilidade e nese senso lembrou que este vén esixido a todos os concellos que desexen prestar novos servizos segundo o disposto no artigo 3 da Lei autonómica 5/2014 de medidas urxentes a reforma da administración municipal e no previsto no artigo 23 da da Lei estatal 27/2013 de racionalización e sostibilidade da Administración local. Este mesmo requisito aparece no artigo 68 da a Lei 13/2008, de 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia.

O OBXECTIVO DO BNG PRIVATIZAR A RESIDENCIA
En todo caso Balseiro dixo que a verdadeira cuestión está en saber por que o alcalde de Ribadeo non quere dar ese informe de viabilidade.

“Iso é o que tería que estar explicando aos veciños. Non quere dalo, probablemente, porque se vería obrigado a dicir como vai a ser a xestión da futura residencia. Tería que recoñecer nun papel que un alcalde do BNG vai a privatizar a residencia”.

DESDE O PRINCIPIO UN MAL XESTOR
Ademais Balseiro dixo que o alcalde foi desde o principio “un mal xestor” pois renunciou no seu día á oferta que lle fixo a anterior conselleira de concertar 40 prazas da futura residencia porque preferiu recibir medio millón de euros para financiar a construción. “Preferiu ter medio millón de euros agora que 40 prazas pagadas pola Xunta para sempre”.

Balseiro explica que no plan de viabilidade “que se nega a elaborar” ten que dicir as consecuencias desta decisión, o custe das futuras prazas, “que será elevadísimo, carísimo, innasumible para moitos veciños. E quere ocultalo”

O deputado popular remata preguntándose por que os veciños de Ribadeo teñen que asumir medio millóns de euros cando a Xunta está disposta a facer fronte a esa cantidade no momento en el que o alcalde remita a documentación que se lle pide.

Exit mobile version