Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro considera que os orzamentos do 2016 reflicten “o renovado e reforzado compromiso da Xunta co mundo do mar”

Santiago, 26 de outubro de 2015.- Os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2016 reflicten “o renovado e reforzado compromiso do Goberno galego co mundo do mar”, tras ver incrementados en case un 50% os seus recursos.

Así o afirmou o voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, no transcurso da comparecencia da conselleira Rosa Quintana no Parlamento para informar das contas das que disporá o seu departamento o ano próximo.

O popular dixo que a pesca, o marisqueo e acuicultura “recuperan protagonismo”, cun equipo que volve a ter “plena dedicación” neste ámbito, feito que aplaudiu, e “co incuestionable e patente respaldo do Goberno galego aos seus profesionais que fan visibles estas contas”

“Son 129,2 millóns de euros, 42,2 millóns de euros máis que en 2015 o que multiplica por dez a suba media do conxunto das consellerías da Xunta”- salientou Balseiro- “Por iso, con máis recursos e da man dos profesionais, chegaremos a bo porto”.

Notables incrementos
Balseiro salientou os incrementos en áreas tan importantes como a construción e conservación de infraestruturas portuarias (+53%), ensinanzas pesqueiras (+18%), modernización e mellora da seguridade a bordo dos buques pesqueiros (+220%), protección do medio mariño (+53%) e tamén a partida de 500.000 euros para a adquisición de barcos por parte de mozos.

O popular tamén felicitou á titular da Consellería do Mar pola boa negociación que o Goberno central e autonómico fixo e que como resultado deu que Galicia dispoña de máis do 50% dos recursos do Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro asignados a España, “Son 500 millóns de euros a investir en apoiar aos profesionais entre 2015-2020”.

Unha situación que mellora
“Somos existentes. E queremos seguir mellorando”. Pero non podemos esquecer –dixo Balseiro- que, “fronte á visión catastrofista e non construtiva da oposición” as cotas de pesca creceron un 13% entre 2012 e 2014, e incrementaron un 55% o seu valor. “Os mesmos partidos que hoxe critican este feito, no Goberno defendían cotas moi inferiores”

Balseiro puxo en valor tamén o incremento das descargas de peixe e marisco fresco, que creceron nun 14,53% en 2014 nas lonxas galegas, que facturaron un 4,58% máis. Ou os incrementos que se rexistraron na produción na acuicultura, as conservas galegas e o mexillón.

“Co incuestionable e patente respaldo do goberno galego que fan visibles estas contas, podemos dicir que a pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia teñen futuro, e que é un futuro certo e positivo”- concluíu Balseiro

Exit mobile version