Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiro: “Ata Gómez Besteiro sentiu vergoña e non quixo presenciar este esperpento”

Lugo, 8 de outubro de 2015.- O portavoz do Grupo Popular no Senado e Presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, afirmou, trala celebración do Pleno no que se aprobou a moción censura pola que PSdeG e BNG recuperan a presidencia da Deputación de Lugo, que se trata dunha moción “infame e vergonzosa coa que se pretende lavar a cara desde o punto de vista político a José Ramón Gómez Besteiro”.

En declaracións aos medios, Barreiro subliñou que o propio Besteiro coincide en que a moción é vergonzosa, “sentiu vergoña e por iso non quixo presenciar este esperpento, ou quizais esta foi unha das condicións que puxo Manuel Martínez para apoiar a censura”, matizó. O portavoz do GPP no Senado recordou que non se explicou aos lucenses que sucedeu para que o BNG e Martínez cambiasen de opinión.

“Como ninguén explicou nada -dixo- entendemos que houbo un acordo entre dúas forzas políticas, PSdeG e BNG, para repartirse a Diputación e utilizala como instrumento no seu propio beneficio, como xa fixeron nos oito anos anteriores de goberno bipartito”. Así mesmo, José Manuel Barreiro recordou que foi o Partido Popular o que gañou as eleccións do pasado mes de maio e insistiu en que durante os tres meses de Goberno de Elena Candia “o único que se fixo é traballar en beneficio de todos os lucenses”.

En relación ao reparto de fondos a concellos gobernados polo PP, o presidente dos populares en Lugo afirmou que as cifras constatan que é totalmente obxectivo “xa que se fixo para equilibrar o reparto territorial que o goberno de Besteiro deixara descompensado”. Como exemplo citou que nos primeiros meses deste ano o bipartito repartiu case 3 millóns e medio de euros a concellos do PSOE e recordou que había concellos do PP que en oito anos “aportaran á Deputación máis do que recibiran”. Neste sentido, José Manuel Barreiro, matizou que “o único que fixo o PP é respectar a Lei que obriga a cumprir con todos os concellos independientemente da cor política”.

Para finalizar, o portavoz do GPP no Senado pediu ao novo presidente da Diputación, Darío Campos, “que non utilice a institución con fins partidistas e que permita que estea ao servizo de todos os concellos, e polo tanto, de todos os veciños da provincia de Lugo”.

Exit mobile version