Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela realizará campañas de concienciación cidadá para incrementar a reciclaxe de vidro entre a poboación e entre a hostalaría

Burela, 7 de outubro de 2015.- O Concello realizará campañas de concienciación para mellorar a reciclaxe de vidro na vila e manterá encontros co sector hostaleiro para coñecer de preto as súas necesidades, tal e como ven de anunciar a concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, que este mércores mantivo unha xuntanza co xerente de zona de Ecovidrio, Germán Fernández.

A edil socialista explicou que “aínda que a media da reciclaxe de vidro en Burela é moi superior a doutros puntos de Galicia e do resto do país queremos mellorar esas cifras. Queremos concienciar da importancia que iso ten, de aí a importancia de realizar campañas de concienciación cidadá. Hai zonas en Burela nas que se recicla menos que noutros e é nesas nas que máis teremos que insistir”. Burela reciclou en 2014 un total de 154.730 quilos de vidro.

Noelia Mª Ben tamén contou que “queremos manter xuntanzas cos hostaleiros e facer un estudo coas súas necesidades neste ámbito, xa que son eles os que máis empregan e precisan deste servizo”. E engadiu que “ademais imos proceder á limpeza dos contedores de vidro e tamén se repoñerán aqueles que están máis deteriorados ou rotos por outros novos”.

A concelleira de Medio Ambiente sinalou que “tamén estamos estudando a posibilidade de instalar contedores con vinilos, coma os existentes en localidades como Sanxenxo ou Vilagarcía. Eses vinilos conteñen imaxes ou motivos atractivos e curiosos que os fan máis agradables á vista, chaman máis á reciclaxe e están máis integrados no entorno”.

Exit mobile version