Site icon Crónica3.com A Mariña

Campos e Veiga presentaron “o terceiro goberno de progreso da Deputación que ratificaron os lucenses o 24M”

campos-veigaO Presidente, Darío Campos Conde, e o Vicepresidente, Antonio Veiga Outeiro, presentaron este luns “o terceiro goberno de progreso da Deputación de Lugo, o que ratificaron os lucenses o pasado 24 de maio, dando o seu apoio maioritario a PSOE e BNG para continuar coas políticas de esquerdas na provincia, que socialistas e nacionalistas puxemos en marcha hai 8 anos”, subliñou o Presidente. “Hoxe recuperamos a normalidade democrática nesta institución e poñemos en marcha un acordo que xa está a funcionar, con éxito, noutras dúas Deputacións galegas”, salientou o Vicepresidente.

“Para cumprir coa vontade dos lucenses o 24M, reestruturamos a Deputación en 8 áreas provinciais”, explicou Campos Conde. Estas son as seguintes:

1.- Área de Promoción Económica e Social. Dende este departamento, levaranse a cabo políticas en impulso do emprego e do benestar social, que combatan o despoboamento demográfico que sofre a provincia. “Será un dos departamentos máis relevantes, pois dende esta área continuaremos impulsando novos plans de emprego e máis servizos sociais, cando nos últimos 8 anos fomos capaces de incrementar nun 90% os investimentos para servizos sociais; e de multiplicar por 370 os fondos para crear postos de traballo na provincia, con programacións como o Ben Empregado, o Pacto Provincial polo Emprego ou o Fórmate en Verde, entre outras, das que se beneficiaron milleiros de desempregados lucenses”, subliñou o Presidente.

“Todo este traballo pasa, indubidablemente, pola máxima cooperación cos 67 Concellos da provincia, xa que a creación de emprego, cando preto de 23.000 lucenses están no paro -un 60% máis que no 2009-, e o servizos sociais, cando Lugo é, xunto con Ourense, a provincia galega coa poboación máis envellecida, son as máximas prioridades dos lucenses. Así nolo fixeron saber durante a elaboración dos Orzamentos Participativos para 2015”.

Deste xeito, Álvaro Santo Ramos, que foi Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos no anterior mandato, dirixirá á Área de Promoción Económica e Social. Colaborarán con el, os Deputados provinciais Pablo Rivera e María Loureiro, que estarán á fronte das dúas delegacións específicas nas que se divide esta área:

– Innovación, Tics, Participación Cidadá e Transparencia. Estará ao cargo de Pablo Rivera Capón, que nos últimos anos foi o responsable do Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación. “Dende este departamento, seguiremos impulsando as novas tecnoloxías na provincia para que todos os lucenses, principalmente os nosos maiores, teñan acceso ás mesmas e coñezan as súas vantaxes co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida. Tamén seguiremos fomentando a participación cidadá e a transparencia na xestión provincial. O noso obxectivo é que a Deputación de Lugo continúe sendo unha das institucións máis transparentes de España. Así o conseguimos facer nos pasados anos, facendo que a Deputación de Lugo deixase de ser, tal e como dixo o Valedor do Pobo no 2006, unha institución “hostil” e “entorpecedora”, a ser a sexta máis transparente no Estado”, remarcou Campos Conde.

– Ensino, Educación, Economía do Coñecemento, Igualdade e Mocidade. Estará dirixida por María Loureiro, “a primeira Alcaldesa electa de Viveiro. Con 34 anos, o traballo de María supuxo que o pasado 24M o PSOE conseguise máis concelleiros e votos que nunca. Ademais, é unha persoa moi próxima aos cidadáns e con moitas iniciativas e novas ideas para os máis novos, tal e como o está a demostrar en Viveiro”, apuntou o Presidente.

2.- Área de Xestión Territorial. Neste departamento, inclúese Vías e Obras e o Parque Móbil, sendo a primeira vez que se coordinan en conxunto e facendo que esta área sexa unha das de maior orzamento e persoal da Deputación. Estará dirixida por Argelio Fernández Queipo, “unha persoa moi sensibilizada coa necesidade de mellorar o conxunto das estradas nos 67 Concellos da provincia para garantir a igualdade de oportunidades aos lucenses con independencia de onde vivan. E estao porque, como Alcalde da Fonsagrada, é un gran coñecedor das necesidades en materia de infraestruturas na provincia, pois a Montaña luguesa foi a gran esquecida durante 24 anos do Goberno do PP”.

3.- Área de Goberno Interior, Asuntos Xerais e Formación. Repite ao fronte deste departamento Miguel Ángel Sotuela. “Faino porque no último mandato fixo un excelente traballo, conseguindo en todas as ocasións acordos maioritarios cos representantes sindicais do organismo provincial”.

4.- Área de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas. A responsable é Pilar García Porto. “Coñece perfectamente este departamento que dirixiu nos últimos 4 anos, conseguindo moi bos resultados e desenvolvendo grandes proxectos. Por exemplo, os Primeiros Orzamentos Participativos dunha Deputación en España e que tivo a de Lugo no 2015; situar a débeda financeira da institución nos cero euros ou converter á de Lugo na Deputación galega que máis rápido paga as súas facturas. Dende este departamento, faremos que a de Lugo volte a ser a Deputación galega que máis rápido paga despois de que o Goberno de Candia a situase á cola ao acumular facturas de 3 millóns de euros; e instauraremos de novo os Presupostos Participativos logo de que Candia llos negase aos veciños neste 2016”, adiantou Campos.

5.- Área de Medio Rural, do Mar e do Medio Ambiente. Levará este departamento o Lino Rodríguez, “unha persoa que durante máis de 30 anos traballou no sector primario, coñecendo polo tanto de primeira man as necesidades deste sector. Tendo en conta a magnitude deste departamento, que se encargará das políticas en impulso dun dos piares da nosa economía, como o é o sector da gandería, agricultura e da pesca”, explicou o Presidente, esta área tamén conta cunha delegación específica.

– Medio Ambiente. Ao seu fronte estará Sonsoles López Izquierdo, que xa a dirixiu no anterior mandato, conseguindo, por exemplo, a renovación da declaración de Reserva da Biosfera por parte da UNESCO para Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

“Dende esta área, poremos en marcha o Centro de Recría e continuaremos impulsando pioneiras programacións en impulso da pesca e do sector agrogandeiro. Ademais, potenciaremos medidas coas que colaborar cos Concellos na recollida e no tratamento dos residuos, así como no aforro enerxético”, adiantou Campos.

6.- Área de Promoción do Territorio e Turismo. Estará dirixida polo Deputado provincial Eduardo Vidal Baamonde, “que se encargará dun importante traballo, pois queremos poñer en marcha un pionerio plan de promoción turística que englobe a toda a provincia para dar a coñecer as potencialidades dos 67 Concellos”.

Áreas de Vicepresidencia
8.- Área de Deportes e Cooperación e Asistencia aos Concellos. Estará á fronte de Antonio Veiga Outeiro. O Vicepresidente destacou que “traballaremos para que esta sexa unha Deputación ao servizo dos Concellos. Os municipios non teñen cor política porque son do conxunto das veciñas e veciños de Lugo. Na área de Deportes, afondaremos en todo o que se ven facendo dende o ano 2011, apostando polo deporte base de todas as modalidades deportivas, e impulsando a aqueles clubes e deportistas que foron desatendidos por outros gobernos”. Nos últimos 8 anos, a de Lugo converteuse na Deputación que máis inviste en deporte de todo o Estado. “A normalización lingüística ten que ser unha área central e transversal. Imos facer o que non está a facer a Xunta: defender e promocionar a nosa lingua”, apuntou Veiga.

8.- Área de Cultura, Patrimonio Histórico, Normalización Lingüística, Artesanía e Deseño. Xosé Ferreiro Fernández dirixirá este departamento, no que se inclúen o CENTRAD e a rede museística. O Vicepresidente subliñou que “refrendararemos as liñas de traballo que foron postas en marcha dende o ano 2011, impulsando programas como Musiqueando, Buxiganga, Cultura Aberta, e tamén se manterán os programas de axudas para colectivos e Concellos. Veiga indicou que se reforzará o traballo feito na rede museística e no Museo Provincial porque “son centros de cultura situados nas tres Comarcas da provincia”. Ademais, os nacionalistas incorporan entre as súas responsabilidades de goberno o Centro de Artesanía e Deseño que “se abrirá para dar apoio ás persoas que realmente están a traballar na artesanía”.

Fondos europeos
O Presidente avanzou que “para o impulso destas áreas, xa estamos a traballar na consecución de novos fondos da Unión Europea. Nos pasados anos, fomos capaces de captar preto de 40 millóns comunitarios, que fixeron posible a execución de grandes programacións en materia de emprego, medio ambiente ou novas tecnoloxías”.

Centros para maiores “si ou si”
Campos remarcou que “dende Suplusa, que depende de Presidencia, continuaremos coa posta en marcha da rede pública de residencia e centros de día na provincia. Un macroproxecto que, polo de agora, está a executar a Deputación en solitario, pois a Xunta de Galicia rexeitou colaborar e concertar prazas públicas, que si dá a centros privados. Os centros de maiores públicos da Deputación serán unha realidade si ou si, pois son dotacións sociais fundamentais para o benestar social dos nosos maiores, os que viven en pequenos Concellos, e para crear emprego, dinamizando a economía local e facendo fronte ao despoboamento demográfico no rural”.

Xunta de Goberno e voceiros provinciais
Cumprindo rigorosamente a legalidade vixente, é dicir, o Real Decreto 2568/1986 do Reglamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais; a Lei Reguladora de Bases de Réxime Local; a Lei da Administración Local de Galicia e o propio Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo, os membros da Xunta de Goberno Provincial son: Darío Campos Conde, Antonio Veiga Outeiro, Álvaro Santos Ramos, Argelio Fernández Queipo, Miguel Ángel Sotuela Vega, Pilar García Porto, Lino Rodríguez Ónega, Eduardo Vidal Baamonde e Xosé Ferreiro Fernández. Os voceiros provinciais son polo PSOE Álvaro Santos Ramos e polo BNG Xosé Ferreiro Fernández.

Exit mobile version