Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia considera o acordo de socialistas e nacionalistas “papel mollado” e asegura que “non só chega tarde, senón que ninguén confía no seu cumprimento”

Lugo 28 de outubro de 2015.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, considera que o acordo para o goberno de coalición entre o PSOE e o BNG na Deputación de Lugo “non é máis que papel mollado” e asegura que “non só chega tarde senón que, con independencia do seu contido, ninguén confía no seu cumprimento”.

“Dinnos que o acordo se rubricou o 25 de setembro e preséntano máis dun mes despois, pero seguen sen aclaran os motivos que fan que o BNG modifique o seu código ético e siga aceptando a uns imputados no Goberno e rexeite a presenza doutros”, replica a voceira.

Elena Candia sostén que ningún dos dous grupos políticos, nin PSOE nin BNG, teñen credibilidade algunha, sobre todo cando inclúen no citado acordo “moitos dos obxectivos dos que xa falaban en anteriores mandatos e aos que aínda hoxe non lles deron cumprimento. Por que temos que crer que van facer algo do que din cando o que explican pola mañá o corrixen pola tarde?”.

Os populares esgrimen que socialistas e nacionalistas están “completamente desautorizados para falar de obxectivos e do seu cumprimento á vista do espectáculo que teñen dado nestes meses e do resultados dos seus anteriores mandatos”.

Os populares rexeitan ademais que ambos os partidos continúen sen aclarar cal vai ser o papel de Manuel Martínez na Deputación de Lugo, cales son as prebendas que acordaron -e que non figuran no pacto feito público hoxe- para que mudara a súa opinión, así como os pactos ocultos de cafeterías e restaurantes que fan que o BNG decida os imputados que poden formar parte do Goberno e os que non.

Darío Campos, un monicreque en mans do BNG
Á vista do que está pasando na Deputación Elena Candia pregúntase cal é a función do novo presidente, Darío Campos, que hoxe non deu a cara, senón que foi Álvaro Santos o que compareceu xunto con Xosé Ferreiro, cando ningún dos dous asinan o acordo. “Gustaríanos saber quen é o que realmente manda agora na institución e se Darío Campos soamente vai ser un monicreque ao servizo do BNG e dos seus intereses”, engade.

“Dálles tanta vergoña dar a cara ante os cidadáns cun pacto de perdedores baixo o brazo que nin foron capaces de explicalo eles mesmos, que son os que o asinan”, conclúe Candia.

Exit mobile version