Site icon Crónica3.com A Mariña

Castros e petróglifos, protagonistas dos roteiros de ADEGA Lugo 2015-2016

Lugo, a 9 de outubro de 2015.- O ciclo de roteiros anual de ADEGA-Lugo estará destinado durante este curso 2015-2016 a indagar a fondo na nosa memoria histórico-cultural e a visitar algúns dos elementos do patrimonio material máis antigo de Galiza que aínda permanece impregnando o noso territorio, converténdose en pegada viva e orixinal da nosa cultura.

Este programa de roteiros, que levará por nome “Memoria pétrea”, propón a realización de oito andainas, unha por mes entre outubro deste ano e xuño de 2016, por lugares ou zonas da xeografía galega onde se conservan pegadas pétreas da prehistoria, da época castrexa, romana ou medieval ata os nosos días; aínda que as visitas a castros serán un común denominador neste ciclo de andainas, que percorrerá zonas chairas, de alta montaña e de costa.

Alén de procurar o achegamento das sociedade galega co seu patrimonio megalítico e castrexo, ADEGA-Lugo, como organización ecoloxista, mantén o obxectivo fundamental destas camiñadas: favorecer o contacto directo das persoas coa Natureza e divulgar os extraordinarios valores naturais que nos ofrece o territorio galego e que son dignos de protección ou conservación.

Os roteiros de ADEGA-Lugo contribúen cada ano a que unhas 500 persoas coñezan de primeira man a grande diversidade paisaxística e biolóxica que temos, moitas veces ligada á existencia e conservación de bens patrimoniais.

Ademais, en cada un destes roteiros contamos coa participación altruísta de guías locais ou orixinarios deses lugares que nos ofrecen unha ollada única e máis íntima e persoal do que imos visitar.

PROGRAMA DE ROTEIROS “MEMORIA PÉTREA”
A continuación indicamos cales serán os destinos propostos por o ciclo de roteiros “Memoria pétrea” e as datas da súa realización:
• 25 Outubro: Castros do Courel- Serra do Courel.
• 29 Novembro: Castro de Viladonga – Castro de Rei.
• 13 Decembro: Castro de Corvazal- Santa Olaia de Bóveda.
• 24 Xaneiro: Castro de Remonde- Palas de Rei.
• 21 Febreiro: Castro de Goo e petroglifo Agro do Pepe- O Incio.
• 13 Marzo: Castro de Cervantes- Cervantes.
• 17 Abril: Castro de Fazouro- Foz.
• 22 Maio: Castro de Espasante- Ortigueira.
• 26 Xuño: Castro e petróglifos de Baroña- Porto do Son.
Os castros serán parte da visita pero os roteiros percorrerán varios quilómetros nos que poderemos observar outros elementos patrimoniais e naturais interesantes.
COMO PARTICIPAR
Os roteiros están dirixidos a toda a poboación galega e sen exclusión de idade. Son dunha lonxitude non superior ao 15 quilómetros e de xornada completa.

O custe de cada actividade será de 10 euros para socios/as de ADEGA, 15 euros para non socios/as, 12 euros para xubilados, estudantes ou en paro, e 5 euros para menores de 17 anos.

As persoas participantes deberán levar para o camiño comida, calzado e roupa axeitados e reservar praza, como mínimo con 3 días de antelación, chamando ao 982 240 299 ou 679 113 718, ou enviando un mail cos vosos datos (nome e apelidos e teléfono) a adegalugo@adega.gal.

As saídas do autobús terán lugar ás 9 horas da mañá en todos os casos, agás no roteiro de xuño, cuxa hora de partida será ás 8 horas, fronte a Facultade de Formación do Profesorado (antigo Maxisterio) de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro.

Exit mobile version