Site icon Crónica3.com A Mariña

Celebrada a Asemblea Xeral Ordinaria da Comunidade de Montes San Roque de Viveiro

IMG_1094Viveiro, 5 de outubro de 2015.- O pasado venres día 2 de Outubro ás 20,00 horas en segunda convocatoria tivo lugar no Salón Principal do Casino de Viveiro a Asemblea Xeral Ordinaria celebrada pola Comunidade de Montes en Man Común Monte Maior San Roque e Penedo do Galo de Santa María e Santiago de Viveiro.

O Sr. Presidente D. Manuel Soto, abriu a asemblea dando as grazas aos presentes pola súa asistencia, e pasando a enumerar os puntos da Orde do día do que constaba a Asemblea, seguidamente, pasou a palabra á Sra. secretaria da comunidade, Dna. Marisa Rey, quen primeramente comprobou o quórum, cun total de 109 comuneiros entre presentes e debidamente representados, sendo suficiente para a celebración da asemblea, seguidamente paso á lectura do acta da asemblea anterior, a cal foi aprobada por unanimidade.

O punto 3 da orde do día correspondeu ao informe económico, balance de contas e resultados do exercicio 2014 e a presentación do novo orzamento, neste punto o Sr. tesoureiro D. Carlos Méndez, explicou detalladamente aos comuneiros os ingresos e gastos acontecidos no exercicio 2014, quedando ó peche do exercicio económico superávit, seguidamente procedeu á presentación do novo orzamento, quedando ambos aprobados por unanimidade.

O punto 4, trataba das altas e baixas de comuneiros, por parte da Sra. Secretaria, deuse conta das 14 baixas e as 13 altas dos novos comuneiros, as cales foron aceptadas e referendadas pola asemblea, quedando un total de 226 comuneiros.

O punto 5 tratou das actividades levadas a cabo pola Comunidade de Montes, así como as obras, arreglos e compras efectuadas, neste punto o Sr. Presidente, detallou pormenorizadamente todas e cada unha das obras efectuadas no monte, facendo fincapé na nova sinalización da área recreativa e a súa contorna así como a colocación dun panel informativo coa sinalización das distintas zonas da área de recreo, parque de animais, servizos, parque infantil, fonte, capela, hórreo, etc. Tamén se informou que no mirador instalouse un panel panorámico, o cal ofrece diferentes panorámicas, dependendo do punto de vista que se elixa, que serve para coñecer e descubrir os cumes, os elementos da paisaxe, as praias, o casco histórico de Viveiro, o porto de Celeiro, as illas, as minas da Silvarosa e un sinfín de vistas que ofrece o mirador de San Roque e que quedan detalladas no panel, con información sobre cada unha delas.

Neste punto enumeráronse as tarefas a realizar seguindo o plan de ordenación co que conta a Comunidade de Montes, sendo todo iso aprobado pola Asemblea.

A asemblea concluíu co punto destinado a rogos e preguntas.

Exit mobile version