Site icon Crónica3.com A Mariña

Cetmar e os seus socios no proxecto iSEAS buscan solucións innovadoras aos problemas derivados dos descartes pesqueiros

Vigo, 6 de outubro de 2015.- Reducir e valorizar as especies mariñas actualmente descartadas é o obxectivo principal do proxecto iSEAS, unha iniciativa financiada pola Unión Europea na que está a participar o Centro Tecnolóxico do Mar baixo a coordinación do CSIC, e que este martes foi presentada na Feira Internacional dos Produtos do Mar Conxelados CONXEMAR, en Vigo.

O proxecto, que conta cun orzamento de 3,8 millóns de euros, pretende demostrar que en Europa é posible un escenario de pesca sostible a través da aplicación no sector pesqueiro do coñecemento previo e das ferramentas baseadas na investigación e na innovación que permitan minimizar os descartes.

Nun acto celebrado no stand da Consellería do Mar en CONXEMAR, representantes do consorcio iSEAS adiantaron os resultados que esperan obter unha vez finalizado o proxecto, en xuño de 2018. Falaron así dunha avaliación completa da situación real dos descartes nas pesqueiras seleccionadas e da posta en marcha dun sistema (iObserver) capaz de realizar o traballo dun observador a bordo, pero sen interferir na actividade normal dos pescadores.

Esta iniciativa busca tamén a optimización da actividade pesqueira mediante a definición dunha ferramenta de predición precisa, baseada en modelos matemáticos, o que permitirá a toma de decisións en tempo real sobre a actividade e a realización dunha pesca máis selectiva. Tamén busca a posta en marcha dun servicio piloto no porto de Marín para xestionar, valorizar e estudiar a comercialización dos descartes desembarcados.

Os socios de iSEAS insistiron en que os impactos ambientais e socio-económicos, tanto no sector pesqueiro como na Comunidade galega, de todas as solucións propostas serán analizados tamén como un obxectivo máis do proxecto, con especial atención ao desenvolvemento de capacidades para mellorar a xestión e a redución dos descartes.

Segundo recordaron, a UE considera os descartes como un desperdicio inaceptable de recursos polo que, de acordo coa Política Pesqueira Común, é fundamental reducilos e eliminalos, así como facer o mellor uso posible da biomasa actualmente descartada, dunha forma sostible que evite o seu desaproveitamento.

Forman parte do consorcio iSEAS, xunto á Fundación CETMAR e ao Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto Español de Oceanografía, a Organización de Productores de Pesca Fresca del Puerto y Ría de Marín y Talleres Josmar S.L.

Exit mobile version