Site icon Crónica3.com A Mariña

Coidado dos pobos

1960: Foz gaña o 1º premio do concurso “Cuidado y embellecimiento de los pueblos” que cada ano convocaba o Gobernador Civil ; un distingo por presentar uns pobos pulcros, para a convivencia e o respecto ás persoas. Daquela as rúas focegas lucían unha esmerada limpeza e as flores, espalladas pola toponimia vilega, daban a imaxe de coidado xardín urbano; a tal punto que o enxeño popular aplicara ó alcalde de turno, Xosé Mª Beltrán, o apelativo de “Pepe dos tarros”, toda unha loubanza colectiva ó labor que neste eido se facía desde o Concello. Editábase en Foz a revista “A Rapadoira”; o número de setembro , insería breve conversa con Germán López Cao, focego de ampla cultura, que levaba anos emigrado en Liberia. Preguntado qué fora o que á volta mais o impactara, dixo: “ Atopar o pobo regado de flores en macetas ó alcance dos rapaces, sen que unha soa sexa molestada, nen tampouco os xardins, que é incríble brotaran en tan pouco tempo, coa protección de todos, o que pon de relevo o civismo c e a cultura dos focenses” O episodio fai considerar que non sempre as actitudes foron iguais, porque ¿qué diría nos tempos actuais o nativo retornado ante a cheirume da depuradora que a barbarie institucional ubicou no lugar acaso mais ecolóxico e mais sensible da xeografía municipal; a mais fermosa paisaxe urbana e o de maior engado para a sempre crecente colonia turística, trascendental para o desenvolvemento económico das nosas xentes?.. .Pero chegan novas alentadoras para un futuro inmediato: nesta década recente os políticos locais,dise, foron quen de valorar o erro e coincidir, ¡por fin!, no obxetivo de retirar daquel nefasto lugar. negador de toda sensibilidade e polo tanto de canto ten que ver coa natureza, a ecoloxía, o respecto ás persoas, á cultura e ó civismo dos individuos.

Cremos que dende aquel 1960- mais de medio século- os focegos tivemos tempo de aprender a lección e asimiliar as ensinanzas. Vaian os nosos parabéns para cantos traballaron e seguen a facelo por lograr “humanizar” aspectos tan afastados de tal concepto: políticos e xentes do común; colectivos veciñais que facilitan o logro do obxetivo que axude a salvar a imaxe e o prestixo do noso pobo, ante propios e estranos . Desexamos e esperamos que sexa o sentidiño o que guíe a necesaria acción de gobernó, allea a intereses partidistas e sectarios, tantas veces desfacedores de accións solidarias en beneficio da colectividade. Que así sexa.

Suso Fernández.

Exit mobile version