Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello e Xunta abordarán en breve cómo darlle unha solución definitiva ao Xulgado de Paz de Ribadeo

Ribadeo, 20 de outubro de 2015.- Concello e Xunta abordarán en breve cómo darlle unha solución definitiva ao Xulgado de Paz de Ribadeo. O alcalde, Fernando Suárez, falou co conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, nun acto no que coincidiron na mañá deste martes en A Estrada e quedaron en verse proximamente. Suárez Barcia considera que o inmoble que alberga o xulgado presenta unha situación que non é axeitada nin para os traballadores nin para os usuarios.

O rexedor referiuse “á situación que xustamente están a denunciar os traballadores da Xunta de Galicia, de Xustiza, que están no Xulgado de Paz de Ribadeo, quero dicir e compartir con eles que somos os primeiros aos que nos parece que a situación non a máis axeitada, como as circunstancias de traballo e ao mesmo tempo tampouco para os usuarios, veciños e veciñas deste concello que teñen que ir a este xulgado, un edificio que non ten accesibilidade, non ten ascensor, e que ademais ten goteiras. En definitiva, é un edificio que leva practicamente 60 anos sen que lle tocara estruturalmente”.

Fernando Suárez lembrou que “o Concello paga o mantemento deste edificio, pero non ten competencias en Xustiza. Sabemos que ten que participar nos gastos mínimos de mantemento, pero desde logo fáiselle inviable poder abordar unha reestruturación integral, que pode custar moitísimo diñeiro. O Concello nin ten os recursos nin as competencias. Polo tanto eu penso que o Concello ten que poñer as cartas encima da mesa e ofrecer colaboración á Xunta, pero penso que a administración autonómica ten que facer máis do que estivo facendo ata agora”.

O alcalde coincidiu esta mañá nun acto co conselleiro de Xustiza: “eu confío nas boas palabras do conselleiro Rueda, que precisamente hoxe durante o acto de entrega de vehículos de Protección Civil, falamos de vernos nos próximos días para abordar unha solución definitiva e integral para este edificio, que dalgunha maneira pasaría porque dende o Concello, dunha maneira transitoria, poderíase cambiar a situación para unhas dependencias municipais ou alugando un piso durante un tempo, mentres esas obras non se fan, en tanto non se cambia a cuberta e non se pon un ascensor; en definitiva mentres non se amañe o edificio para que quede como un Xulgado de Paz digno para todos os veciños deste concello”.

Para Fernando Suárez “isto hai que facelo sen renunciar, como debe facer o Concello e polo que leva loitando nos últimos 15 anos, a que en Ribadeo se chegue a establecer novamente o xulgado de primeira instancia. Pero quizais esas pretensións, tal e como está o panorama político actual, non se poidan conseguir inmediatamente, para reverter o que no seu momento, nos anos 60, se mandou de aquí para outro lugar”.

E engadiu que “en todo caso o que queremos agora, a curto prazo, é dar unha solución definitiva para o Xulgado de Paz. E pola parte do Concello poñemos o noso compromiso e a nosa boa intención para que estes funcionarios autonómicos, que dependen da Consellería de Xustiza, poidan ter un lugar de traballo máis axeitado”.

Exit mobile version