Site icon Crónica3.com A Mariña

Costas acometerá antes do 30 de novembro as obras comprometidas co Concello burelés

Burela, 5 de outubro de 2015.- Costas acometerá antes do 30 de novembro as obras comprometidas co Concello burelés, segundo ven de anunciar o alcalde, Alfredo Llano.

O rexedor contou que “estiven entrevistándome cos responsables de Costas na provincia de Lugo para falar de varias cuestións que nosoutros lles pedíramos para mellorar certas cuestións da nosa costa, tanto no que se refire a obras novas como a arranxos dalgunha que co tempo se vai deteriorando. Pedimos a canalización de augas pluviais na urbanización do Cantiño, porque aí hai o problema de que cada vez que chove con certa intensidade prodúcese un empozamento debido a que hai dous tubos que non coinciden no diámetro. Entón vamos facer aí unha nova canalización, cos tubos adaptados un ao outro para conseguir que non se empoce auga naquela zona. É unha obra que xa está aprobada e que se vai facer inmediatamente”.

Llano dixo que “outra cuestión que pedimos é tamén para a zona do Cantiño, onde hai unha área recreativa con diversas instalacións que é moi empregada, sobre todo durante o verán, pola xente que nos visita e incluso por veciños de Burela. Hai grelladas e é unha área recreativa atractiva e con boas vistas, pero co tempo as instalacións fóronse deteriorando bastante, polo que van ser arranxadas e farase unha mellora substancial, pois entre outras cousas vaise poñer alumeado, que tamén está de acordo Costas en facelo. Vai consistir na instalación de varios focos novos e recuperar outros que xa existían, de tal maneira que polo menos de cara ao verán poida estar a gusto alí a xente que utiliza esa zona recreativa”.

Na xuntanza que Alfredo Llano mantivo cos responsables de Costas na provincia de Lugo “tamén quedaron no compromiso de repoñer 124 unidades de lámpadas que están no paseo da Marosa, que é extraordinario, pero hai certas zonas onde falta luz porque se foron deteriorando as lámpadas. Estamos de acordo en poñer unhas de tecnoloxía LED para aforrar moitos cartos no consumo de subministro enerxético e ademais aumentar a luminosidade, que se vai notar bastante, para que a xente que pasee por aí de noite poida facelo con seguridade”.

O rexedor burelés explicou que “outra cuestión é na praia de Ril, onde vamos colocar unha pasarela para prolongar a baixada para favorecer o acceso ao areal a persoas maiores ou con discapacidade, que teñen que utilizar a rampla, que vamos alongar uns 7 ou 8 metros. Vaise poñer a continuación da que xa existe agora, de formigón, o que vai dar un bo servizo á praia de Ril. É outro compromiso que se conseguiu. Ademais na praia de Portelo e do Cabaliño hai un valado que xa se colocou hai uns 20 anos aproximadamente e durou moito, porque é dun material de moi boa calidade, pero hai que repoñelo porque co paso do tempo hai algunhas zonas nas que empeza a oxidarse. Solicitamos tamén que se pinte de novo cunha pintura que é empregada na industria naval para garantir que se conserve durante unha boa tempada. Isto xa se vai facer inmediatamente”.

Alfredo Llano subliñou que “estas obras, que xa son compromisos en firme por parte de Costas de Lugo, vanse facer todas antes do 30 de novembro. É algo positivo para Burela”.

E engadiu que “en pouco tempo vaise colocar o monolito dedicado aos mariñeiros en Cabo Burela, que agora mesmo xa está sendo gravado. Faltaba poñer única e exclusivamente a latitude e a lonxitude que corresponden a ese lugar, datos que foron aportados oficialmente. E unha vez que estea rematada a gravación non se tardará moito en colocalo. Será cuestión de un ou dous días”.

Exit mobile version