“Durante esta semana comezaron uns traballos que se están a acometer na Praia do Torno, en San Cibrao. Son unhas obras que neste caso fai a Delegación Provincial de Costas, coa que levamos durante este último ano en conversas para intentar facer distintos traballos de mellora nos nosos areais. Neste caso concreto esperamos a esta época do ano porque ao tratarse da praia do Torno, que ten Bandeira Azul, decidimos facelo así para que iso non entorpecera nin causara ningún problema á hora de seguir garantindo este distintivo da Bandeira Azul”, xustificou Villares.
O alcalde explicou que “os traballos consisten na construción dun muro para controlar a regresión da costa. Neste caso é duns 25 metros. O custe aproximado desta obra rolda os 20.000 euros. É un muro de formigón que vai levar pola parte de fóra un taco de lousa, seguindo o muro que tamén se fixo nesa mesma praia. Facémolo pola propia regresión que se está producindo polo mar nesta zona da costa. Son uns traballos que tamén son importantes para seguir acondicionando unha das nosas pezas de máis valor no pobo de San Cibrao, como son as nosas praias e neste caso a do Torno, que ten Bandeira Azul”.