Site icon Crónica3.com A Mariña

Emma Álvarez lembra que a construción dunhas pistas de atletismo e a mellora do pavillón municipal son proxectos do Partido Popular

Lourenzá, 23 de outubro do 2015.- A portavoz do Grupo Municipal Popular en Lourenzá, Emma Álvarez, salientou na mañá deste venres que a alcaldesa do municipio, Rocío López, asumiu un protagonismo que non lle corresponde, pois a súa xestión no ámbito da mellora das instalacións deportivas se limita a executar os proxectos ideados e xestionados polo Partido Popular.

Os populares lembran que tanto o proxecto dirixido á construción das primeiras pistas de atletismo homologadas da comarca como a propia mellora do pavillón municipal, cuxas obras onte supervisou o director xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Jose Ramón Lete Lasa, son proxectos do Partido Popular e reivindica a autoría dos mesmos, en estrita colaboración coas escolas deportivas municipais.

Boa acollida ao novo pavillón
De feito a propia Emma Álvarez e o seu compañeiro e edil popular Pablo Maseda, formaron parte da comitiva encargada de supervisar as obras que, entre outras melloras financiadas polo Xunta, permitiron a substitución do antigo solo de formigón polo de parqué actual, actuación moi ben recibida polos usuarios destas instalacións. Emma Álvarez aclara á alcaldesa que os socialistas se limitaron a asinar un convenio de colaboración xestionado integramente polo PP.

Por outra banda e no relativo ás futuras pistas de atletismo, Emma Álvarez reivindicou as xestións realizadas tamén polo anterior Goberno popular que non só xa trasladaron no seu día este proxecto ao propio secretario xeral para o Deporte e á Delegada da Xunta, senón que tamén fixeron xestións ante o daquela delegado de Deportes da Deputación de Lugo, Antón Veiga e ante o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, institucións que poden colaborar no seu financiamento.

Terreos en Recemil
Os populares explican incluso que a propia Emma Álvarez solicitou ao Ministerio de Fomento a cesión do terreo das antigas canteiras de Recemil para a posible instalación das pistas de atletismo, previa as adaptacións oportunas. O obxectivo era que puidesen estar xestionadas por todos os concellos da Mariña -a través da Mancomunidade- evitando así que o Concello de Lourenzá soportase en solitario a xestión e custes de mantemento destas instalacións, unha proposta que volveron a realizar no día de onte, co gallo da visita.

Exit mobile version