Site icon Crónica3.com A Mariña

Emprendedores da Mariña conseguen a mención de honra no concurso Rehabitando organizado por Toshiba e ASA

silvia-diegoFoz, 28 de outubro de 2015: NoRD arquitectura & deseño, grupo formado polos arquitectos Diego J. Castiñeira e Silvia Alonso xunto co enxeñeiro técnico de electricidade David Jorge, conseguiron unha mención de honra coa súa proposta NRD215 no concurso REhabitando segundo o fallo do xurado. O concurso foi organizado por Toshiba e a Asociación de Sostenibilidad y Arquitectura, ASA, co fin de promover a innovación na rehabilitación e o traballo en equipo de enxeñeiros e arquitectos.

O xurado está formado por un equipo de profesionais da talla de Alfonso Toribio Gutiérrez, conselleiro cultural do CSCAE; Carlos Gómez Caño, director xeral de TOSHIBA HVAC; Miguel Ángel Martínez Lucio, xefe de Conservación de Patrimonio da Comunidade de Madrid; Jaime Segarra Culilla, Presidente Comisión de Enerxía Colexio de Enxeñeiros Industriais de Madrid; Miguel Ángel Díaz Camacho, presidente de ASA. A proposta do equipo foi cualificada segundo o xurado como: “Unha interesante formulación proxectual de integración das instalacións e a arquitectura”.

Diego J. Castiñeira e Silvia Alonso asistiron o pasado 21 de outubro á entrega de premios no Consello Superior de Arquitectos de España en Madrid, onde expuxeron as súas ideas sobre sostibilidade e rehabilitación que aplicaron á proposta mencionada. Deste xeito, o estudo asentado no centro da vila de Foz suma un recoñecemento máis á súa carreira profesional.

Exit mobile version