Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez subliña que “todos os grupos políticos teñen acceso ós expedientes de selección de persoal que se realizan no Concello”

Ribadeo, 2 de outubro de 2015. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que todos os grupos políticos teñen acceso aos expedientes de selección de persoal que se realizan no Concello. Deste xeito responde ás críticas efectuadas nos últimos días por parte do PSOE e nega as acusacións vertidas desde esta formación.

O rexedor dixo: “quérome referir a estas declaracións que fixo o portavoz do PSOE hai pouco, nas que dalgunha maneira despunta a liña de oposición un tanto destrutiva, que está empezando. Aínda que estamos nun logo camiño de catro anos, xa despunta. E dicir ao mesmo tempo que todo o mundo ten o dereito de facer a oposición que lle guste ou que lle pete, pero antes de falar entendo que deben ver e mirar as cousas nos expedientes antes de dicir cousas que non se axustan á realidade”.

Fernando Suárez explicou que “todas estas prazas que están en proceso selectivo tanto esta á que se refire el, como outra de enterrador que está tamén en marcha nestes momentos, así coma outras que nos próximos tempos seguramente saian, dado que hai prazas vacantes por xente que se foi xubilando e que non foron cubertas e temos moitas veces nalgúns servizos determinados problemas para levar o traballo adiante”.

O alcalde engadiu que “na praza á que el se refería a información foi absoluta, non soamente se puxo no taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello, senón que se expuxo no BOP e no DOG. Os membros do tribunal, que sempre son funcionarios e non políticos, a maioría deles son de fora deste concello. É un tribunal paritario, composto por homes e por mulleres”. E tamén se referiu á data do exame: “o alcalde asinou unha data, a que lle pareceu, segundo os requerimentos do tribunal, do presidente e dos técnicos. Esa data mandouse mal ao BOP por un erro, alleo absolutamente ao alcalde, pero nada máis ser advertido corrixiuse a través do BOP, e coma deferencia o funcionario encargado avisou persoalmente a todos os aspirantes”.

Fernando Suárez rematou a súa intervención indicando que “si quere ver el ou calquera outra persoa como se realizan os procesos de selección neste Concello que o consulten, que están a disposición para calquera que queira comprobalos. E todos os grupos teñen acceso ao expediente sen ningunha cortapisa por parte deste alcalde”.

Exit mobile version